Asociación Donicela: Dezaoito anos animando o verán de Sarria con ilusión e orixinalidade

Redacción-Sarria

A Asociación Cultural Donicela de Sarria organizou un ano máis o XII Edición da Festa Celta Treba Seurra, e a a XVI Enxurrada. Trátase de dous dos eventos máis destacados no verán sarriano, e cunha consolidada tradición. No primeiro dos casos, a festa celta -que se celebrou o sábado 30 de xullo- comezou ás dez e media da noite coa procesión polo río Sarria en batuxo, e co himno galego de fondo. Despois da procesión tiveron lugar as vodas celtas e o desconxuro da queimada, para acto seguido dar paso á queima de Xana Palletas e á actuación dun grupo musical no Malecón. Segundo explicou o presidente da asociación Donicela, Jesús Valcárcel, “nós o que facemos dende hai algúns anos é facer todo xunto, ainda que antes nomeábamos a Donas e Cabaleiros, pero houbo que reducir o presuposto e suspendemos iso, así que agora facemos todo isto e ao acabar comeza o grupo e continúa a verbena”. Pola súa parte, o pasado sábado 6 de agosto celebrouse a décimo sexta edición da Enxurrada, consistente no descenso polo río das barcas máis variadas. Os actos deron comezo ás cinco e cuarto da tarde. “Antes saíamos das Aceas, sen embargo agora, como o río leva pouca auga e o caudal está baixo, o que facemos é saír da Rúa Castelao ata o Malecón”, explica Vacárcel. Despois diso, arredor das seis e media da tarde, tivo lugar a entrega de premios no Malecón, e xa a partir das nove da noite a festa e verbena a cargo dun grupo musical. Ambos actos estiveron organizados pola asociación Donicela e contaron co patrocinio do Concello de Sarria a través da delegación de Cultura, e a colaboración da cafetería Santiago.

Celebración dunha voda celta na recente edición da Festa Celta Treba Seurra. (Cedida por A.C.Donicela).

COLABORACIÓN E APOIO

“As principais novidades deste ano residiron en que despois de catro anos o grupo Ilusión e Arte volveu a colaborar con nós neste evento, especialmente na Treba Seurra”. É preciso ter en conta que se trata de dúas festas consolidadas, de feito, Valcárcel afirma que comezaron con ditas celebracións antes que o Arde Lucus de Lugo. “Se dende aquela houberan colaborado con nós tanto o Concello como a hostalería doutra maneira, a día de hoxe sí poderíamos contar cunha festa celta de renome e recoñecida. Sen embargo, temos un orzamento tan pequeno que co paso dos anos tivemos que ir reducindo actividades”. Agora, dende a asociación prantéxanse a posibilidade de retomar numerosas actividades, e sobre todo, incrementar o apoio do Concello. “De momento, temos que dicir que o actual equipo de goberno tendeunos a man e deunos bastante axuda con respecto a organizar todas estas cousas. Houbo outras veces nas que estivemos bastante limitados e polo tanto tivemos que reducir iniciativas, pero contamos con que a partir de agora poidamos colaborar con eles dunha forma máis estreita e poidamos seguir realizando actividades importantes que deixamos atrás”.

UN DURO COMEZO

O presidente da Asociación Cultural Donicela relata que os comezos foron duros. “Levamos sobre 18 anos de asociación. Nós éramos xente que víñamos doutras asociacións, pero xuntámonos unha vez dous amigos e decidimos crear esta. E unha cousa está clara, os inicios foron bastante difíciles porque comezamos con ideas novas que non sabíamos se ían a encaixar dentro da demanda que había daquela, con respecto ás actividades que nós desenvolvíamos”. Co paso do tempo Donicela foi evolucionando e entre as súas actividades chegou a haber numerosas e diferentes alternativas, e mesmo o recoñecemento de Lucenses do Ano no ano 1998; un galardón que recolleron ao ano seguinte tal e como manda a tradición. “A día de hoxe trataremos de cambiar de local e conseguir un máis amplo para comezar a recuperar actividades como a dun grupo de música folk. Nese grupo o profesor pagábao a asociación, e a xente que participaba non pagaba nada polas clases. E tamén a ver si agora o Concello nos axuda un pouco máis”. E é que hai anos, a agrupación Donicela puxo en marcha actividades tan dispares como a ruta Rey Alfonso IX de 4×4, a campaña de Nadal Para Todos, a baixada de carrilanas, varias edicións do Día da Troita, un grupo de baile, e mesmo unha actividade de kárate e ximnasia de mantemento. “Foron actividades continuas; unhas démolas mantido e outras tivemos que suprimilas, por falta de tempo e por falta de cartos. O que sempre se fixo foi a festa celta e a enxurrada, pero chegamos a ter incluso unha asociación de radioafeccionados dentro da propia asociación. Agora, miraremos de facer un resumo cos principais proxectos para presentar ao Concello e a ver si lle dan luz verde”.

AGRADECEMENTOS

Dende a Asociación Cultural Donicela quixeron deixar claro que moitas das actividades realizadas non serían posibles se non contaran co apoio e colaboración doutras entidades e persoas. O presidente da agrupación destacou especialmente o apoio de catro persoas: “estamos moi agradecidos a José Antonio García, actual alcalde de Sarria, ao concelleiro de Cultura, Francisco Pérez González, e tamén a Manuel Sangil e a Manuel Valiña”, engadiu.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Concello de Ribas do Sil mellorará o entorno urbán e instalará unha caldeira de biomasa

Seguinte Nova

Apoio ao deporte en Venezuela

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss