A iniciativa, na que participan un total de 14 establecementos co obxectivo de acadar unha vendas semellantes ás do ano pasado, está a ter de momento moi boa acollida
Redacción-Chantada
A Asociación de Empresarios de Chantada, AECH, ten en marcha dende o pasado 8 de agosto e ata o vindeiro día 22 a segunda edición da Semana Fantástica. Trátase, segundo explicou o presidente da asociación, José Manuel Lage, dunha iniciativa coa que se pretende que as tendas participantes -un total de 14 establecementos- “vendan os excedentes de produto a prezos moi asequibles e rebaixados”. A Semana Fantástica dos comerciantes de Chantada “está inpirada no que é a feira de oportunidades que tamén celebramos cada ano; o que pasa é que en vez de facelo baixo unha carpa todos xuntos, cada un pon os seus produtos na súa tenda”, engadiu Lage. O presidente dos empresarios tamén sinalou que o ano pasado esta actividade foi todo un éxito, “polo que este ano agardamos, se non mellorar as vendas, polo menos igualalas. Xa a xente pola rúa nos pedía que celebráramos unha edición máis, así que as expectativas que manexamos son optimistas”.
BALANCE DO III CONCURSO DE TAPAS
Un pouco antes de comezar coa Semana Fantástica, rematou na vila chantadina o III Concurso de Tapas, do que tamén José Manuel Lage fixo un balance moi positivo. “A verdade é que foi bastante ben, sobre todo en canto ao tema de venda de produtos. Polo demáis, transcorreu sen incidencias e o funcionamento foi correcto; iso sí, xa para o ano que ven, quedamos en que se organizará a través dunha comisión, nós axudaremos na súa organización e colaboraremos en todo o posible, pero non seremos a directiva”, apuntou Lage. En resume, unha serie de iniciativas e actividades para dinamizar o comercio na vila, e o sector hostaleiro. E é que tal e como explicou Lage, os obxectivos fundamentais son os de ampliar un pouco máis as vendas nesta época e aumentar os ingresos no pobo. “De aí por exemplo que a semana fantástica remate a poucos días de comezar coas festas, para aproveirtar que hai máis xente na vila durante o mes de agosto. Despois xa, os beneficios son para o sector hostaleiro, porque durante as festas os comercios permanecen pechados”. De momento, os resultados sempre foron positivos, ao igual que a resposta dos veciños e visitantes que se decidiron a participar das mesmas.