Redacción-Sarria
Sarria celebra durante o mes de agosto numerosas actividades. Unha das primeiras terá lugar este venres día 12, no salón de actos da Casa da Cultura, coa representación da obra de teatro Letras Galegas polo grupo Zarabanda, da Asociación Cultural Galega Saudade de Barcelona. A obra, que comezará ás sete e media da tarde, detense na escrita dos Precursores e os seus continuadores, como tamén na literatura moderna.
VI Festival de Maxia Vila de Sarria
Pola súa parte, os días 18, 19, 20 e 21 de agosto celebrarase o VI Festival de Maxia “Vila de Sarria”, que contará con actuacións gratuitas, máis maxia na rúa, no salón de actos da Casa da Cultura e unha gala final na praza da vila. Os magos que participan serán entre outros Dani Daortiz, Lennart Green, Román García, Luis Manuel, Roberto Lolo, Joselito e Diego López.
Primeira Festa da Xuventude
Coincidindo con esta actividade, o 20 de agosto terá lugar a I Festa da Xuventude de Sarria. Segundo indicou Manuel San Gil, responsable da área de Xuventude, para levar a cabo esta iniciativa contan con dúas subvencións; “unha por parte da Xunta en colaboración coa asociación xuvenil Xaora, e a outra procedente do Xacobeo”. “O que pretendemos é que esta festa da xuventude tamén implique a promoción do Camiño de Santiago”, engadiu Sangil. O día 20 haberá tres charangas para dar comezo á I edición da “Charangada” tocando por todo o pobo. Máis tarde celebrarase unha comida no centro da vila, cuxo custe é de 14 euros, para todos os mozos do concello de entre 18 e 35 anos, e que estará amenizada pola orquestra Canadá ata as doce da noite. “Xa a partir das doce da noite contaremos cunha discoteca móvil pola zona dos viños ata as catro ou cinco da mañá”. É de destacar que a asociación Xaora será a encargada de organizar as festas do vindeiro ano en Sarria.
Torneo Volei Praia
E finalmente, entre todas estas actividades tamén hai que destacar a primeira edición do Torneo de Volei Praia, do 17 ao 26 de agosto no campo do río.