Redacción- Monforte
Segundo explicou o alcalde de Ribas do Sil, Miguel Ángel Sotuela, o Concello comezará en breve cunha serie de obras. A primeira delas consistirá na adecuación de varios espazos naturais e mobiliario urbán. “É unha subvención que dá todos os anos a consellería de Industria para intentar facer cousas co entorno urbán dos concellos, e que ao mesmo tempo repercutan sobre o entramado comercial”, explicou Sotuela.
A inversión desta primeira actuación é de algo máis de 18.000 euros; “pero o que nos dan de subvención ronda os 13.000, tendo que aportar o Concello arredor de 5.000 euros”, engadiu o alcalde. Para esta subvención as actuacións que están previstas son a reposición de mobiliario urbán, como son 50 bancos, tamén as papeleiras, ou as xardineiras, e sobre todo e o máis importante, unha pantalla led con información do comercio da localidade, e tamén bares e establecementos. “A pantalla colocarase nun lugar estratéxico do pobo para que sexa visible por todo o mundo. Ademais, creemos que é unha cousa moi innovadora e que pode dar un bo resultado”, afirmou o alcalde.
Resumo de actuacións
“Con esta subvención digamos que estamos completando unha serie de actuacións que xa levamos a cabo dende hai tempo, como foi na praza do Concello, melloramos o servizo dos colectores encaixándoos dentro das beirarrúas, arranxamos tamén numerosas beirarrúas e sinalizamos todo o entramado comercial”. A segunda das actuacións previstas conta cunha subvención de 9.800 euros procedentes do Inega, para un proxecto que conta cunha inversión de 26.000 euros. Este, consiste na instalación dunha caldeira de biomasa no edificio novo, ou máis ben na ampliación realizada na Casa do Concello. “Estamos mirando outras vías de financiación, porque senon tería que ser o Concello quen a financiase. Non sei se outros Concellos teñen instaladas caldeiras de biomasa nos edificios, pero nós vamos a intentar que nos funcione e un pouco axudar tamén na aposta polas enerxías renovables; trátase de axudar a todo o que sexa o aforro enerxético no país”.
O rexedor de Ribas do Sil engadiu finalmente que a última das subvencións concedidas procede do Fondo de Cooperación Ambiental, da consellería de Presidencia. Neste caso, a inversión total é de 17.000 euros destinados a temas relacionados co medioambiente, como por exemplo a compra dunha trituradora de podas; “unha trituradora que nos evita queimar as podas que facemos ao cabo do ano, e a maiores vamos a comprar tamén para o concello unha cisterna para a auga”. Sotuela insistiu no feito de que en canto rematen as festas patronais o Concello porase en marcha para comezar canto antes con todas estas obras e actuacións.