O románico de Pantón, o máis atractivo para os visitantes

O bo funcionamento da nova páxina web aforra o paso pola oficina de turismo

Redacción-Monforte

O Concello de Pantón é un dos municipios que máis visitas turísticas está a recibir durante os meses de verán: “aproximadamente 300 visitas rexistradas na oficina de turismo a pouco de comezar o mes de agosto”. Segundo explica Javier González, o animador sociocultural do Concello, “isto ven dado, en primeiro lugar, porque se puxo en funcionamento o tema do inserso co balneario de Pantón; e en segundo lugar, porque hai máis xente visitando as casas de turismo rural, e por suposto agora no verán ainda moito máis”. O aumento de visitantes notouse especialmente dende o pasado mes de marzo, que foi cando comezou a funcionar o programa de visitas ao balneario. “Con isto, dalgunha maneira chegouse a un acordo coa oficina de turismo para que os sábados pola tarde se abrira o Mosteiro das Bernardas aos grupos de xente do balneario, e se lle explicara un pouco sobre o mesmo e a súa historia. E é isto o que nos está a dar moitas visitas, independentemente das visitas guiadas que xa hai os venres, e que tamén supoñen un movemento importante de turistas na zona”.

Mosteiro das Bernardas de Pantón, un punto de interés fundamental no románico de Galicia. Arquivo EC.

PERFÍS DOS VISITANTES

En canto ao perfil de visitantes que soe recibir o concello de Pantón, destacan principalmente dous. “Por unha parte está o perfil do xubilado, un xubilado de dous tipos: que pode ter un interese cultural ou non, ou simplemente curiosidade polo Concello; e o xubilado con interese cultural, con coñecementos de arquitectura ou interese pola arquitectura do románico; e por outra banda está o turista moi culto que ven xa predisposto para visitar, non soamente o románico de Pantón, senón o románico do resto da zona”.

A nova páxina web do Concello de Pantón está a ter moi boa acollida. EC.

OS LUGARES QUE MÁIS INTERESE ESPERTAN

Entre os lugares máis visitados ou as principais demandas dos turistas figuran, por unha parte o románico, e despois todo o relacionado coas viaxes en catamarán. “Estamos detectando que aumenta a curiosidade polos dous catamaráns do Miño, e tamén polas rutas de sendeirismo e do viño, que xa están sinalizadas, abertas e limpas, e que supoñen un complemento para os visitantes”, explica Javier. Pola súa parte, en canto a previsións para o mes de agosto, dende o Concello ainda non manexan cifras de visitantes. “Non temos estimacións concretas, iso é aleatorio e vai en función da xente que ven por aquí, ademais hai que ter en conta que hai moitísima xente que ven a Pantón pero que nin sequera pasa pola oficina de turismo porque xa trae a súa propia información; e niso inflúe a páxina web que está a funcionar moi ben, xa que nela está especificado todo o que é o románico, todo o que é visitable, os catamaráns, rutas de sendeirismo, enlaces con casas de turismo rural, balneario, etc, e dalgunha maneira, todo iso axuda a que a xente veña preprarada e non teña que pasar pola oficina de turismo”. Compre lembrar, que ainda así, a oficina de turismo está aberta todos os días da semana. UNHA PÁXINA WEB ACTUALIZADA O Concello de Pantón conta dende hai un ano aproximadamente cunha nova páxina web, e pese a que non ten contador de visitas, o seu bo funcionamento está a dar resultados satisfactorios. “É nova, e un pouco foi a consecuencia de que a antiga empresa que levaba a actualización desapareceu, e de paso tivemos que cambiar de dominio”. “O que sí temos claro é que conta con moitas visitas, porque moita xente que ven por aquí comenta que a información que precisaban quitárona da páxina web”. Segundo explicou Javier, a intención é a de que en todos os documentos que saian do edificio sociocultural, e tamén de Correos, vaia engadido o enderezo da páxina web, co obxectivo de dala a coñecer e obter así a súa máxima difusión.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Deputación de Lugo aproba as tres últimas obras do POS de 2010

Seguinte Nova

Chantada acolle do 8 ao 22 de agosto a segunda edición da Semana Fantástica

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: