Redacción-Chantada
A asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra organiza ao longo de todo o ano multitude de actividades para a promoción do Camiño de Inverno como ruta de peregrinación á capital galega. Neste senso, para o vindeiro día 18 de setembro, coincidindo coa Feira das Cabras de Merlán, en Chantada, está prevista a celebración das VIII Xornadas do Camiño de Inverno. Trátase dunha actividade organizada pola asociación, en colaboración co Concello de Chantada, e que, segundo explicou a súa presidenta, Aida Menéndez, entra dentro do programa de actividades de promoción do Camiño de Inverno deseñadas para todo o ano. “Teño que reseñar que esta actividade xa estaba programada dende comezos de ano, e por casualidade foi coincidir coa celebración da Feira das Cabras, así que decidimos aproveitar este feito para darlle unha maior difusión”, explicou Aida Menéndez.
Potenciar o turismo
O obxectivo desta xornada é por un lado “percorrer un tramo do camiño que atravesa o concello de Chantada, e por outro, dar a coñecer as potencialidades turísticas coas que conta, aproveitando nesta ocasión que coincide cunha das festas máis coñecidas do municipio, a Feira das Cabras de Merlán. Quero dicir, aproveitar de maneira conxunta as posibilidades turísticas, gastronómicas e demais coas que conta o Camiño de Inverno”.
Unha xornada con ruta e xantar popular
Con saída en autobús dende Monforte ata Chantada, os participantes percorrerán a pé o tramo do Camiño de Inverno que vai dende Chantada ata Belesar. Unha vez en Belesar, unha parte do grupo irá en barca polo río ata Pincelo, e a outra parte fará o camiño a pé (a volta será ao revés). Menéndez sinalou que o obxectivo de chegar ata Pincelo é o de visitar ao famoso cesteiro deste lugar e dar a coñecer a súa actividade. Xa de volta, aproveitarase a ruta para visitar tamén a igrexa de Chouzán, para máis tarde partir de novo de Belesar en autobús ata Merlán e participar así no xantar da Feira das Cabras. Para rematar a xornada, ás seis da tarde celebrarase unha conferencia na Casa da Cultura de Chantada a cargo do doutor Javier Gómez Vila, experto en vías romanas.
Programación Feira das Cabras
A Feira das Cabras de Merlán desenvólvese dentro das festas patronais deste lugar na honra a San Ciprián, que teñen lugar en Chantada dende o venres 16 ata o domingo 18. Deste xeito, o domingo día 18 a partir das dez da mañá dará comezo a tradicional feira que inclúe a quinta Mostra O Mundo da Cabra. Ao mesmo tempo tamén terá lugar unha degustación gratuíta de cabra cocida, queixo e leite de cabra. E xa, á unha do mediodía, celebrarase a procesión e unha misa solemne na igrexa parroquial. Pero os máis pequenos tamén teñen un oco reservado nesta singular cita, e é que a partir das seis da tarde dará comezo na carballeira de Merlán unha festa infantil gratuíta. Finalmente, para rematar a xornada e tamén as festas de Merlán, haberá verbena a cargo da orquestra Manhattan. É de destacar que durante os tres días haberá polbo, carne cocida e empanada no campo.