Redacción-Monforte
A Deputación de Lugo adiantará 21,5 millóns de euros en 2012 aos Concellos que se sumaron ao Sistema de Recadación na provincia, que puxo en marcha a institución no ano 2008, dentro do plan de medidas de aforro aos Concellos lucenses. Dende a entidade provincial, o voceiro socialista, Manuel Martínez, salientou o esforzo inversor do organismo xa que “deixa de ter esta importante cantidade económica na súa conta para pasarlla aos 51 municipios adheridos a esta iniciativa, garantíndolles novos ingresos mes a mes e gañando liquidez”. E é que este ano, a Deputación está a anticipar mensualmente máis de 1,7 millóns de euros (máis de 20,8 millóns ao ano) aos Concellos que delegaron na institución a recadación de impostos municipais como o IBI (Imposto de Bens e Inmobles, cuxa campaña comezou o 15 de setembro), IAE (imposto sobre Actividades Económicas), ICV (imposto de Circulación de Vehículos) taxas de auga, lixo, sumidoiros ou antenas parabólicas. Pola súa banda, entre os Concellos que delegaron este servizo atópanse algúns da comarca e arredores, como son os de Bóveda, Carballedo, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Saviñao, Sober e Taboada. Neste senso, a cantidade que se lles adiantará en 2012 supera os catro millóns de euros, co cal o novo servizo provincial permítelles aforrar as estes municipios preto de 140.000 euros. Cómpre destacar que o feito de que a Deputación asuma a recadación de impostos dun total de 51 Concellos, supuxo a rebaixa do 6 ao 3% na porcentaxe que os municipios deben aboar en periodo voluntario. Todo isto conleva un aforro de 500.000 euros anuais aos Concellos.
A DEPUTACIÓN PON FIN Á DÉBEDA DO CANON EN SOBER
Nunha das últimas xuntas de Goberno aprobáronse novas obras por valor de 84.586 euros en Sober. Trátase de traballos de pavimentación nos accesos de sete localidades deste municipio: A Merla, Sancomede, Sampil, Rosende, Gullufre-Os Canares e Os Corgos. Son as últimas actuacións con cargo ao canon neste concello coas que, desta maneira, a Deputación pon fin a débeda que mantiña con esta localidade do sur da provincia. En total, o organismo provincial investiu en Sober mediante esta iniciativa 445.320 euros para a execución de 11 obras acordadas co propio alcalde. A excepción destes dous últimos traballos acordados, están finalizadas as restantes nove actuacións. Entre elas atópanse algunhas como a pavimentación da rúa do Progreso (58.734 euros), o saneamento e abastecemento en Froxán (48.517 euros), ou o acondicionamento de accesos en Barantes, Barreiros e Bulso (44.965 euros).
ILUMINACIÓN Á BEIRA DO RÍO CABE
Tamén foron contratadas as obras da segunda fase da iluminación do paseo fluvial do río Cabe ao seu paso por Monforte, por importe de 77.000 euros. Esta actuación inclúese dentro do canon e permitirá completar este proxecto no que xa se investiron outros 87.000 euros. Trátase da única iniciativa que falta por executar do Plan de Obras deste municipio ao que lle corresponderon en total 233.097 euros. Neste senso, a Deputación xa rematou o acondicionamento de diversos accesos municipais que benefician aos veciños da zona de Raimundo Patiño, e da de Lodeiro, así como aos usuarios da estrada de Currelos por Cinsa e da rúa Otero Pedrayo.