Feira das Cabras: singularidade etnográfica en Merlán

Orixe e actualidade dunha Feira única

A degustación e a venta de cabras acompáñanse de actos relixiosos e lúdicos nesta parroquia chantadina

L.Gallardo – Chantada

A Feira das Cabras de Merlán, en Chantada, é, sen dúbida, un dos eventos máis singulares da zona sur de Lugo e da comunidade galega. O gran apoxeo que ten experimentado durante os últimos anos débese principalmente ao traballo da asociación de veciños desta parroquia, que pretenden convertela en ‘ Festa de Interese Etnográfico’, tendo en conta que se trata da única feira destas características da que teñen constancia en Galicia.

A Feira de Cabras de Merlán destaca pola singularidade da procesión relixiosa. EC

Orixes

As súas orixes parecen remontarse cando menos ao século XV, explica o presidente do colectivo veciñal impulsor da Feira das Cabras, José Luis Janeiro. Antigamente era feira oficial o 16 de cada mes, para limitarse posteriormente a unha feira anual. O significado da importancia desta feira de setembro- que na actualidade se mudou ao fin de semana máis próximo ao día 16- reside na proximidade da parroquia de Merlán a importantes localidades de tradición vitivinícola da Ribeira Sacra como son San Fiz, Sabadelle, Pedrafita e outras dos concellos de Taboada e O Saviñao. E a explicacioón máis directa está precisamente na tradición de comer cabra durante a época da vendima e de aproveitar os pelexos para a carretaxe do viño; costume que levaba a moitas xentes da ribeira a mercar as cabras por estas datas.

Actualmente, relata Janeiro, aínda hai xentes da viticultura que continúan con este costume de consumir cabra durante as vendimas, por exemplo na zona de Nogueira ou en lugares do Saviñao.

A Feira de Cabras de Merlán gaña público en cada edición. EC

A feira hoxe

Nos nosos días esta feira, que coincide coas festas patronais de Merlán, as do San Ciprián ou San Cibrao, converteuse no único evento ao que aínda acude un considerable número de gandeiros adicados ao caprino e no que teñen lugar un volume relativamente importante de transacións comerciais de compra venta destes animais. A cita contempla dende hai uns anos outras actividades como a degustación de cabra cocida, queixo, e leite de cabra. Para iso xa se prepararon este ano cinco animais ao xeito tradicional tendo que sacrificalos con anterioridade, un quefacer do que se ocupa habitualmente Fernando García, coñecedor tanto da maneira antiga de preparar a cabra para a cociña como de elaborar os pelexos para o viño.

O obxectivo dos veciños de Merlán é o de impulsar para vindeiros anos novas e variadas maneiras de degustar a cabra. Na feira, que se celebrará este domingo 18 de setembro, non faltarán tampouco os viños da zona e as tazas conmemorativas do evento.

Trátase ademáis dunha feira legal e regularizada dende fai tres anos pola Xunta de Galicia dentro do calendario de feiras e mercados. Cada gandeiro adoita acudir con cinco ou seis cabezas dende lugares das comarcas de Lemos e Chantada, pero tamén doutros puntos de Galicia nos que aínda pervive unha certa tradición de pastoreo como pode ser o contorno de Castro Caldelas. A todos os tratantes se lles facilita unha axuda para o transporte das cabras dende a organización, e tamén o xantar. Algúns dos propietarios de cabras non levan intención de vender aos animais, “ pero despois sempre pican en función do que lles ofrecen por elas”, explica José Janeiro. O pasado ano vendéronse na feira das cabras uns 46 animais dende as nove da mañá, hora na que se dá por iniciada a xornada.

O feito de existir un número considerable de movementos mercantís demostra que a feira non se queda só no carácter lúdico, senón que tamén serve para facer negocio, rondando o prezo nunha media de 80 euros. O tímido mantemento do pastoreo caprino nalgunnha zona de Galicia revela esta actividade como un xeito máis de vida do rural que contribúe, por outra banda, ao beneficio dos montes e á loita contra os lumes.

A vertente relixiosa

O feito de trasladar feira e festa á fin de semana demostrou ser unha boa decisión, segundo valoran dende a asociación de veciños de Merlán. Á marxe disto, a feira grande das cabras de Merlán fora sempre polo 16 de setembro, o día do patrón San Ciprián. Por isto, a mestura da actividade comercial das cabras coas tradicionais misas e procesións deu nos dous últimos anos nunha curiosa “ nova costume” que é a de transportar a imaxe do San Cirpián nun carro de madeira ao xeito do tradicional carro galego, pero elaborado a medida de cabras, e non de vacas ou bois. A idea, que foi tomada no entroido ribeirao de Santiago de Arriba, ten convertido a procesión nun dos momentos máis concorridos da xornada.

Vaia Dous Teatro, en Merlán

Pero o programa de actos non se limita á mañá nin ao xantar, senón que se prolongará durante a tarde con xogos infantís e contará, pola noite e na verbena, coa agardada estrea da obra teatral ‘Misturas’, peza que o dúo chantadino Vaia Dous non puidera representar durante a Semana de Teatro da vila.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

140.000 euros de aforro na zona sur de Lugo

Seguinte Nova

A investigadora monfortina Manuela Sáez coordina un congreso da época do Virreinato en Nápoles

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: