O Curso de Saúde Ambiental, que organiza a Deputación de Lugo do 19 ao 22 de setembro, pretende o desenvolvemento sostible das economías locais dende a aposta polo medio ambiente
Redacción-Sarria
A Deputación de Lugo vén de achegar aos concellos a aposta polo medioambiente como vía para o desenvolvemento sostible destes organismo, a través do Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles. Esta iniciativa, pioneira en España, concrétase en Sarria coa celebración, do 19 ao 22 de setembro, do XLVIII Curso de Saúde Ambiental. Neste curso participan 23 poñentes de recoñecido prestixio, procendentes da Universidade de Santiago, de Vigo e da Universidad Politécnica de Madrid, así como altos cargos, técnicos das administracións, xestores de entidades e empresas relevantes en Galicia. O día de apertura do curso foron profesionais da Deputación de Lugo os encargados de iniciar as xornadas formativas, dando a coñecer as medidas desenvoltas pola institución para xerar riqueza mediante o medioambiente.
XESTIÓN DE RECURSOS NATURAIS, AUGAS E RESIDUOS, ENTRE OUTROS TEMAS
O Curso de Saúde Ambiental de Sarria está composto por catro mesas redondas sobre xestión sostible dos recursos naturais como factor do desenvolvemento socioeconómico e de benestar social na provincia de Lugo; a xestión das augas na provincia de Lugo; a xestión dos residuos, o seu reciclaxe, reemprego e valorización, e por último, o eixo Lugo- Sarria- Monforte no camiño cara a sostibilidade. Ademais, inclúe visitas prácticas a Cementos Cosmos, Fontecelta, roteiro por Foz das Aceas, ETAP e EDAR municipais de Sarria, planta de transferencia de residuos urbanos e punto limpo, situada amén no municipio sarriano. Durante a presentación do curso, a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles Izquierdo, incidiu en que “unha das principais teimas da Deputación segue a ser a transformación deste patrimonio natural nunha fonte xeradora de riqueza para a provincia co fin de crear novos postos de traballo e combater o despoboamento demográfico que está a padecer o rural”. Logo de salientar este curso como “unha nova oportunidade para Sarria” trala aposta de máis de 5 millóns de euros do organismo provincial para este concello en estradas, administración electrónica e instalacións deportivas, Izquierdo destacou a importancia do medio ambiente como “a oportunidade económica” para o conxunto da provincia de Lugo.