Raquel Arias destaca as novas tecnoloxías e os idiomas como eixos fundamentais deste curso

Redacción-Monforte

Un total de 19.935 escolares comezaron hai uns días o novo curso escolar nos distintos niveis de educación infantil e primaria na provincia de Lugo. O dato revela un repunte da matrícula, do 1,2%, con respecto ao ano pasado, no que foran 19.692 nenos os que se incorporaron ás aulas. Cabe destacar que máis do 73% do alumnado da provincia de Lugo estuda en centros públicos, mentres que o 25,2% acude a centros concertados e tan só o 1,6% opta por centros privados non concertados. O curso deu comezo nos 127 centros educativos da provincia, 96 dos cales imparten educación infantil e primaria, 25 asumen os ciclos de primaria e secundaria, e 6 exclusivamente á educación infantil. Asimesmo, dende o primeiro día comezou a aplicarse a reordenación horaria que permitirá que os mestres dispoñan de 60.000 horas máis a semana para atender aos escolares. Deste xeito, con respecto ao profesorado, o número de interinos incrementouse respecto do ano pasado.

Raquel Arias na súa visita a un dos centros escolares da provincia. DTL

PROXECTO ABALAR NO CEIP DE QUIROGA

Por outra banda, son once novos centros os que se incorporan ao programa Abalar no curso 2011-12, e catro máis os que pasan a formar parte do proxecto de centros plurilingües. A delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, destacou durante a súa visita ao CEIP Rosalía de Castro, que tamén se unirá ao programa Abalar este curso, “a importancia destas iniciativas no contexto actual, xa que a formación en idiomas e o manexo das novas tecnoloxías son algo básico e indispensable”. É salientable que todas as incorporacións ao programa Abalar corresponden a centros de titularidade pública, e entre eles atópase o CEIP de Quiroga. O Proxecto Abalar ten como obxectivo integrar de pleno as novas tecnoloxías na educación, dotando do equipamento necesario aos centros e ofrecendo unha programación de traballo baseada nestas ferramentas.

FOMENTO DA REDE PLURILINGÜE CON 52 NOVOS CENTROS

No relativo á rede plurilingüe para este 2011-12, incorpóranse catro novos centros dos concellos de Lugo, Pontenova, Viveiro e Foz, nos cales se impartirán materias noutros idiomas. É preciso ter en conta que a consideración de centro plurilingüe enmarca a todos aqueles colexios e institutos nos que se imparte nunha lingua estranxeira, áreas ou materias non lingüísticas de educación primaria e secundaria, ata un terzo do horario lectivo. Neste senso, case 3.600 estudantes e profesores da provincia de Lugo poderán mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras durante este ano académico a través das ensinanzas impartidas nos colexios integrados na Rede Galega de Centros Plurilingües e nas seccións bilingües. Así, a Consellería de Educación autorizou para este curso o funcionamento de 52 novos centros plurilingües, co que a Rede Galega de Centros Plurilingües quedará conformada por un total de 110 colexios e institutos. Ademais, para apoiar ao ensino das linguas estranxeiras a Consellería de Educación incorporará un total de 361 auxiliares de conversa nativos.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Música e Danza para todos en Monforte

Seguinte Nova

San Clodio equípase para as emerxencias

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: