San Clodio equípase para as emerxencias

Redacción-Monforte

A ampliación da Casa do Concello de Ribas do Sil en San Clodio debería estar lista para o seu uso nun prazo de catro meses. As obras, que xa deron comezo, están destinadas a ampliar as oficinas xerais do Concello nun edificio a carón da actual casa consistorial e a dotar aos veciños dun salón de actos axeitado para a celebración de todo tipo de eventos, unha infraestrutura que ven sendo demandada dende hai tempo ao carecer o municipio dalgún espazo para este fin. O cobro dos últimos investimentos do canon hidroeléctrico en Ribas do Sil fará posible esta actuación que conta cun orzamento que será achegado integramente pola Deputación con cargo á nomeada partida e que ascende a 233.420 euros. O presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, visitaba o pasado 6 de setembro a localidade para facer balance das obras do canon hidroeléctrico e entrega dun novo vehículo para a extinción de incendios, mantemento de viais e outras actuacións de emerxencia, que ven a substituír ao camión que quedara inutilizado meses atrás por mor dun accidente. No acto, ademais do alcalde de Ribas do Sil e deputado provincial Miguel Sotuela estiveron presentes outras autoridades locais e técnicos vinculados ás obras.

DEPENDENCIAS MUNICIPAIS

A estrutura do novo edificio xa está en pé e contará con dúas plantas e un soto. Coa achega do organismo provincial, remataranse as actuacións mediante a instalación dos servizos básicos de luz, auga e calefacción, e adquirirase o equipamento necesario. Na planta alta situaranse as oficinas xerais e, na baixa, o salón de actos con capacidade para unhas 100 persoas.

Os traballadores municipais proban as posibilidades do novo camión ante as autoridades provinciais e locais en San Clodio DP

OS ÚLTIMOS BENEFICIOS DO CANON, UN CAMIÓN MULTIUSOS

461.189 euros é a cifra total de investimentos con cargo ao canon que beneficia a este municipio, que ademais da ampliación da Casa Consistorial, incluíu a adquisición de nova maquinaria que a entidade local destinará ó mantemento e conservación das vías municipais. O camión sufragado dentro desta iniciativa por valor de 179.900 euros, e que foi entregado na mesma xornada, súmase ao tractor que xa fora subvencionado por valor de 70.693 euros. O novo vehículo leva un brazo desbrozador que vai aplicado. O rexedor socialista quixo sinalar a utilidade desta maquinaria e o seu finanzamento por parte da Deputación Provincial, “un organismo que amosa así o seu gran beneficio para os concellos”, sinalou, para paliar a ausencia dun vello camión que sufrira danos ao colaborar coa Xunta na extinción dun lume. Nesta liña, Gómez Besteiro lembrou que a Deputación de Lugo inviste en total 11 millóns de euros nos 16 Concellos que contan con produción hidroeléctrica e que están rematadas 113 actuacións que suman 7,4 millóns de euros.

ENERXÍAS RENOVABLES

Por outra banda, Ribas do Sil tamén aproveitará unha achega da Deputación para colocar unha caldeira de biomasa co fin de dotar de calor e enerxía a Casa da Cultura da localidade de San Clodio e que terá uncuste de 16.278 euros. Dende o organismo provincial destacaron a preocupación deste municipio por impulsar iniciativas relacionadas co respecto polo medio ambiente como foi o impulso ao centro de Educación Ambiental, que inclúe a creación dun albergue para estudantes de ESO de toda España que acudirán a este centro grazas a bolsas do Ministerio de Educación.

CONCELLOS, A PORTA ONDE PETAN OS VECIÑOS

O titular da Deputación declarou en San Clodio que as administracións non poden caer na “política de non facer” coa escusa de que estamos a vivir tempos difíciles, nos que temos que impulsar actuacións “ prácticas e útiles” para os veciños. Gómez Besteiro sinalou que os concellos, que son precisamente a primeira porta na que petan os cidadáns, están a pagar os pratos rotos da crise, un efecto que se ve máis agravado se cabe coa demora na posta en marcha do pacto local.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Raquel Arias destaca as novas tecnoloxías e os idiomas como eixos fundamentais deste curso

Seguinte Nova

Severino Rodríguez defende a legalidade na adxudicación de obras a empresas locais

Últimas noticias sobre GALERÍA

   
A %d blogueros les gusta esto: