O alcalde deu a coñecer os datos de contratación dende o 2008, segundo os cales, de 50 obras, 31 foron para empresas locais
Redacción-Monforte
Despois de reunirse cos empresarios da zona e como reposta ás críticas recibidas por parte do Partido Socialista, en relación ás poucas obras municipais adxudicadas a empresas locais, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez deu a coñecer os datos de contratación de obras dende o ano 2008. En total, os contratos realizados polo Concello de Monforte foron 50, dos cales 31 foron para empresas locais.
Severino Rodríguez afirmou que dende que é alcalde a súa máxima prioridade é Monforte, “colaborar estreitamente co sector empresarial, ordenando a colaboración tamén dende todas as concellerías, e sempre adxudicando obras seguindo a legalidade. E se non se adxudicaron máis contratos a empresas locais foi porque para optar a proxectos por importe superior a 236.000 euros, que son os que por lei deben saír a concurso público, requírese unha calificación que en Monforte teñen dúas ou tres empresas como moito”.
Neste senso, e segundo os datos feitos públicos, dos 50 contratos de obra adxudicados, 41 foron negociados sen publicidade (31 para Monforte), e nove foron por concurso (2 para Monforte). Con este reparto, no primeiro dos casos quedaron en Monforte un total de 3.653.103 euros dos case cinco millóns de orzamento, e no segundo caso, as empresas locais recibiron preto de un millón de euros dos 5.632.053 euros; menos cantidade debido a que poucas empresas cumpren os requisitos para optar a estas obras.
“O que poñen de manifesto estas cifras é que tres de cada catro contratos negociados son para empresas locais, e que o Concello veu adxudicando cada mes unha gran obra deste tipo. E creo que con isto queda demostrado que facemos as cousas legalmente”, engadiu o alcalde. É de destacar, que días despois de dar a coñecer os datos de contratación de obras, o alcalde convocou aos membros do Consello Económico e Social a unha sesión ordinaria, para informarlles sobre os contactos con grupos políticos e empresariais referentes aos proxectos de infraestruturas para Monforte, e analizar a situación actual dos proxectos e infraestruturas fundamentais para o desenvolvemento do concello.