O mes de outubro xa está aquí e con el o outono. Por este motivo son moitos os Concellos que xa teñen encamiñada a súa programación cultural para esta época do ano. Deste xeito, en Pantón ultiman detalles para comezar cos obradoiros de ximansia, tamén coa escola de música e coas demais actividades para a terceira idade. Neste senso, o vindeiro 4 de outubro darán comezo de xeito paralelo os obradoiros de ximnasia de mantemento e aerobic. Estes, desenvolveranse os martes e xoves; a ximnasia de mantemento de sete e cuarto a oito e cuarto da tarde, e seguidamente, de oito e cuarto a nove e cuarto aerobic.
ESCOLA DE MÚSICA
Pola súa parte, a escola de música comezará o día 3 de outubro e contará tamén con varios horarios: de cinco a seis da tarde para os pequenos de 3 a 7 anos, e logo en horario de seis a sete para os rapaces de 7 a 13 anos. Tamén os mércores desenvolverase un obradoiro de actividades intelectuais para xente da terceira idade, que será de cinco a sete da tarde. A maiores de todo isto, dende a Casa da Cultura apuntaron que “o que xa temos tamén case completamente definido e que tamén comezará no mes de outubro é a programación do Outono Cultural, que se desenvolverá durante os meses de outubro novembro e decembro”.
SAÍDAS Á NATUREZA, OBRAS TEATRAIS E MAGOSTO PARA O OUTONO CULTURAL
Dentro desta programación inclúense varias saídas de sendeirismo, con data ainda sen fixar; tamén unha saída relacionada co tema micolóxico para observar as setas no monte; e en paralelo varias obras de teatro. Estas comezarán o vindeiro 23 de outubro coa obra “As alegres comadres de Windsor”, de Achádego Teatro de Lugo; e continuará o día 6 de novembro da man de Nova Escena Teatro que representará “O inspector”; o 20 de novembro con Pinchacarneira de Lugo e a obra “O médico a paos”, e o 27 de novembro, data na que o grupo de teatro de Prodeme de Monforte representará “A Tita Rufa”. É de destacar que salvo a de Prodeme, o ciclo de obras está organizado polo Concello de Pantón e conta coa colaboración e patrocinio da Deputación de Lugo a través do programa Buxiganga. Finalmente, no mes de novembro pero con data ainda por fixar, terá lugar o “magosto-pancetada” que todos os anos se fai no pavillón de deportes.