O investigador en arqueolóxia e profesor de historia da Universidade de Santiago, Arturo de Lombera, visitou unha vez máis a zona sur de Lugo. Desta volta non foron os traballos sobre restos paleolíticos os que trouxeron a este experto, senón unha visita ás instalacións do futuro Museo Xeolóxico de Quiroga.
A USC colabora na creación dunha das salas deste centro que estará relacionada co uso da pedra e cos restos fósiles da prehistoria. Entre outros traballos que trouxeron en numerosas temporadas ao equipo de Lombera a distintos lugares do Sur de Lugo están as excavacións que se desenvolven actualmente en Cova Eirós, en Triacastela.
Segundo informaron os responsables municipais, o arqueólogo asesorou en todo momento sobre este proxecto. No museo foi recibido pola concelleira de cultura, Loli Sanchez, e polo encargado desta instalación, Ramón Vila, aos que lle manifestou a súa satisfacción pola organización do museo. De Lombera estivo acompañado tamén polo xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural 8, Martín Alemparte, xa que a posta en marcha deste museo está substentada tamén no programa Leader.