A Escola Municipal de Música de Sober, unha das máis veteranas da comarca, inicia o día 1 de outubro o curso 2011-2012. Entre as especialidades instrumentais que se van cursar atópanse as de frauta traveseira, clarinete, saxofón, trompeta, trompa, trombón, tuba e percusión; ademais de complementarias de piano e guitarra. Ao mesmo tempo impartirase música e movemento para nenos de 1 a 6 anos, neste caso tanto na propia Escola Municipal de Música como na Escola Infantil do Concello. Como en anos anteriores impartirase tamen música para adultos (sen límite de idade), coro, conxuntos instrumentais, banda xuvenil, linguaxe musical e outras asignaturas teóricas. Dende o Concello de Sober tamén sinalaron que de cara a este novo curso quere potenciarse a formación de grupos instrumentais estables dentro da Escola de Música; entre eles un Coro de Cámara.
A presentación do curso e recollida de horarios terá lugar ás doce do mediodía no Centro Sociocultural de Sober. É de destacar que á Escola Municipal de Música de Sober acuden alumnos de toda a comarca de Lemos e incluso de localidades máis alonxadas como Castro Caldelas, Quiroga ou Ourense. Un dos principais obxectivos deste centro de ensino musical é o de formar educando para incorporar aos alumnos á Banda de Música de Sober, por ese motivo se potencian principalmente os instrumentos de vento-madeira, vento-metal e percusión.