Monforte, no consorcio provincial de bombeiros en 2012

Deputación e Xunta aproban iniciar a integración do parque de bombeiros na rede provincial

Redacción-Monforte

O pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros aprobou este mércores por unanimidade o expediente para o inicio da integración do parque de Monforte de Lemos neste organismo, e así no 2012 pasar a formar parte da rede provincial de bombeiros. Con esta actuación poderá garantirse a cobertura de extinción de incendios na zona sur da provincia; concretamente nos municipios de Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober. Co obxectivo de materializar canto antes esta integración, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que o Consorcio, integrado pola Deputación e a Xunta de Galicia, convocará un novo pleno para outubro no que se aprobará o orzamento de 2012, que contemplará o custe que supón dita integración, permitindo así avanzar no proceso da integración.

Un momento do pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros. DL

Así mesmo, o Presidente precisou que “a semana que vén pecharase a cuantificación económica e técnica das necesidades que presenta esta infraestrutura”. En paralelo, a partir dos vindeiros días, a Deputación comezará a requerir a Monforte a transferencia de bens e toda a información necesaria para facer real a integración, dando orde á empresa adxudicataria, Natutecnia -a mesma que xestiona os parques da zona sur- para que comece co proceso de selección dos 19 efectivos que terá o parque: 15 bombeiros, 1 sarxento e 3 cabos. Un grupo de técnicos da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo adscritos ao ente, visitarán tamén as instalacións do parque monfortino para realizar informe do estado no que se atopan as dependencias e as dotacións existentes na actualidade, posto que os datos existentes sobre o seu estado datan de hai máis dun ano e medio.

Cobertura na provincia

Dende que os parques de bombeiros entraran en funcionamento o 1 de maio, a súa actividade incrementouse mes a mes. Ata o día de hoxe, os efectivos realizaron máis de 200 intervencións nos 50 concellos que están cubertos polo Consorcio. Neste senso, é de destacar que na zona sur os parques de Chantada, Sarria e, en 2012 o de Monforte de Lemos, prestan servizo a outros 25 concellos, entre eles os de Bóveda, Chantada, Monforte, O Saviñao, Pantón, Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas do Sil, Sarria e Sober. Ademais, a prestación do servizo para toda a provincia inclúe incendios, inundacións, accidentes de circulación, rescates, salvamento, actividades de prevención, etc.

No pleno tamén se aprobaron as ordenanzas fiscais que regulan as taxas pola prestación do servizo aos cidadáns e polas contribucións especiais das que se benefician outras entidades que se vexan implicadas na prevención. Así mesmo, debido aos cambios nas pasadas eleccións, na sesión plenaria nomeáronse os novos representantes.

Prazas concertadas para as residencias

Aproveitando a visita que realizou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, ás obras do auditorio de Lugo, o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, solicitoulle unha entrevista para abordar distintos temas que afectan á provincia. Un deles, as residencias da terceira idade, como por exemplo son as de Pobra do Brollón e O Saviñao. Cómpre lembrar que antes das pasadas eleccións, dende a Consellería de Traballo e Benestar fíxose público o compromiso da Xunta de concertar prazas nos centros que prevé construir a Deputación.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Máis facilidades para os agricultores mozos e primeiras instalacións agrarias

Seguinte Nova

Obradoiro de orientación laboral de Quiroga aínda ten aberto o prazo de inscripción

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: