O polígono de Chantada, listo en outubro

Redacción-Chantada

Contar cun polígono industrial no que as empresas queiran asentarse é un dos grandes retos para os Concellos. No caso de Chantada, está a piques de facerse realidade: un polígono industrial amplo e con todos os servizos necesarios para a súa posta en marcha e bo funcionamento. Isto é o que asegurou o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, quen acompañado do alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, e do Presidente da Asociación de Empresarios de dito municipio, José Manuel Lage, anunciou hai uns días na súa visita a esta localidade, que a Sociedade Urbanística Provincial rematará en breve espazo de tempo as obras de ampliación do polígono dos Acivros. Concretamente, no mes de outubro. Ante a inminente finalización das obras, Gómez Besteiro subliñou a necesidade de “seguir traballando porque esta é unha zona moi importante para a provincia”, mentres que Manuel Varela salientou “o tempo record no que está previsto rematar as obras, e que agora si contarán cun polígono en condicións”. Pola súa parte, Jose Manuel Lage fixo fincapé na importancia que supón a amplicación do polígono para evitar a saturación da zona. Pola súa parte, as obras, dotadas con preto de 3 millóns de euros, están financiadas ao 100% polo organismo provincial, polo que a Deputación asume na súa totalidade a súa execución, aliviando deste custe ao Concello. Previamente á ampliación do polígono, que ten unha superficie de 118.000 metros cadrados, executouse a reurbanización do mesmo dentro do canon e dotouse de subministro de auga grazas ao Plan de Obras e Servizos de 2010.

O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o alcalde de Chantada, Manuel Varela, na área ampliada do polígono de Chantada hai uns días. GPDL

ASENTAMENTO DE EMPRESAS

Para ofrecer prezos máis competitivos á hora de adquirir solo industrial, a Deputación concurriu ás axudas do Plan “Reindus” 2011 do Ministerio de Industria para a reindustrialización e modernización do proceso produtivo. Deste xeito, dos 300.000 euros concedidos polo Goberno Central, 150.000 destináronse ao polígono chantadino, o que permitiu abaratar o custe do metro cadrado nun 10%, quedando en 33 euros. Grazas a esta e a outras medidas tomadas por parte do ente provincial -como a posibilidade de efectuar o pago das parcelas nun prazo de cinco anos-, a día de hoxe xa hai unha firma que ten reservada unha parcela de 10.000 metros.

A XENTE OPINA SOBRE A NOVA INFRAESTRUTURA EMPRESARIAL

Alberto Eiriz García, Estudante.

“Na miña opinión, que rematen a ampliación do polígono en outubro é un gran avance para Chantada con respecto ao emprego, xa que supoño que creará postos de traballo para os cidadáns do pobo, e sobre todo para os mozos e a xente nova nun momento como o actual”.

Kariena Pardo López, Administrativa.

“A ampliación do polígono é algo que pode traer moitos beneficios para Chantada, dado que agora mesmo non había parcelas para a instalación de novas empresas, e as que xa había non tiñan posibilidade de medrar. Eu espero que nesta época de crise e con todo o que está acontecendo, que isto sexa un aliciente para que as empresas se instalen aquí”.

Xulio Cuñarro Taboada, Funcionario.

“Creo que suporá unha mellora cualitativa moi grande para esta vila, xa que estábamos sen terreo industrial, e agora mesmo contamos con solo industrial. Así que supoño que agora xa se pode animar á xente e ás industrias e empresas, a que se veñan para Chantada e se instalen no concello; e por suposto para que den emprego que fai moita falta”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O espíritu do San Mateo pechou a tempada das grandes festas

Seguinte Nova

Deportistas de Prodeme triunfan en Barcelona

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: