A construcción e equipamento do novo centro de saúde de Sarria contou cun investimento de 4 millóns de euros converténdoo nun dos máis grandes da provincia. A pasada semana o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitaba Sarria para inaugurar estas instalacións xunto coa conselleira de Sanidade, Pilar Farjas. Feijóo destacou nesta visita que o investimento deste novo centro de saúde de Sarria está financiado tan só con 15 días de aplicación do catálogo de medicamentos xenéricos, que supón un aforro de 8 millóns de euros mensuais”. NOVAS CONSULTAS O centro conta cunha superficie de máis de 3.000 metros cadrados, que permitiron ampliar o número de salas de consulta dispoñibles. Ademais das consultas de medicina xeral, pediatría e enfermería, o novo edificio sanitario albergará servizos como odontoloxía xeral, hixienista dental, fisioterapia con ximnasio específico, reumatoloxía, radioloxía e matrona, entre outros Segundo salientaron dende o departamento autonómico, “mellorará a atención sanitaria que se presta aos cidadáns deste concello lucense, que a partir de entón contarán cunhas instalacións moito máis modernas, funcionais e axeitadas ás necesidades asistenciais actuais. Tamén suporá unha evidente mellora para os profesionais, que poderán traballar con máis medios técnicos e en mellores condicións”. As consultas de reumatoloxía, fisioterapia, hixienista dental ou sala de educación sanitaria, son parte dos servizos que permite incrementar a nova infraestrutura. O novo centro de saúde ofrece aos usuarios de Sarria unha moderna e amplia área médica que alberga dez consultas de medicina xeral (dúas máis que as que había ata o momento); dez de enfermaría (dúas máis que o vello centro); unha consulta de farmacia, unha de traballador social, unha sala de toma de mostras e extraccións complementarias, unha sala de técnicas e tres consultas polivalentes. A área destinada a pediatría disporá de dúas consultas de pediatría e dúas de enfermaría, coas súas correspondentes salas de espera e aseos adaptados para o seu uso pola poboación infantil adscrita ao centro.

ÁREA DE ATENCIÓN INTEGRAL Á MULLER
A zona destinada a Atención Integral da Muller contará cunha consulta para a matrona, unha sala de educación sanitaria ou maternal, que agora mesmo é inexistente, e unha consulta específica para para o desenvolvemento do programa galego da Muller.
PUNTO DE ATENCIÓN CONTINUADA (PAC)
O novo centro conta cun PAC no que hai unha zona de recepción, cinco dormitorios para descanso do persoal, unha sala de reanimación e observación (da que se carece actualmente no ambulatorio sarriano), sala de espera, sala de estar, dúas consultas de medicina, dúas consultas de enfermería (unha máis que agora), aseos e vestiarios para o persoal. Os despachos, salas de persoal, sala de xuntas e biblioteca, despachos para os veterinarios do Servizo Oficial de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, vestiarios, entre outros, completan os 3.000 metros que ten o centro.
Un PAC para 27.000 usuarios da comarca e un centro de saúde para 14.000
Segundo os datos do Sergas o municipio de Sarria ten unha poboación protexida de 13.917 persoas, das que 1.407 son menores de 15 anos e 3.633 son maiores de 64. O centro de saúde de Sarria conta co PAC que dá cobertura a toda a zona, que presta atención sanitaria urxente aos cidadáns dos municipios de Sarria, O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos e Triacastela, o que implica unha poboación protexida en canto á atención sanitaria urxente de 27.000 persoas.
No centro de saúde de Sarria traballan 11 médicos de familia -dous deles na quenda de tarde para prestar un mellor servizo ampliando o horario da oferta asistencial-; dous pediatras, un farmacéutico, un odontólogo, 11 Diplomados Universitarios de Enfermaría -un deles na quenda de tarde-, dous fisioterapeutas, unha matrona, un hixienista, un traballador social, tres auxiliares de enfermaría, nove PSX e auxiliares administrativos, entre outro persoal.
Segundo relataron dendeo departamento de Farjas, “nos últimos anos o centro de saúde de Sarria viu mellorar de forma importante os servizos de que dispón”. A Consellería fai referencia ao acceso á Historia Clínica Electrónica, ou a receita electrónica no ámbito médico. Por outra parte, refirese á implantación do Plan Integral de Saúde da Muller, que aborda a realización de citoloxías no propio centro; dispón de dotación de material de cirurxía menor; desenvolve o Programa da Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC); ou a posta en marcha dos programas de insuficiencia cardíaca, e de Ollo cos ollos, e a coordinación co Complexo Hospitalario Xeral-Calde e co servizo de Medicina Interna para a revisión de casos clínicos.