Preto de 24.000 euros para conservar dúas fontes de Sober e o seu entorno
Conservar o patrimonio arquitectónico que hoxe en día teñen algúns concellos sempre é unha iniciativa ben recibida. Neste senso, no concello de Sober acaban de rematar as obras de mellora do entorno e recuperación de duas fontes históricas da capitalidade municipal. Trátase das fontes de A Mina e Os Eireos; unha serie de actuacións que completan a mellora de fontes da vila de Sober que se iniciou coa fonte de Arroxo. Segundo explicou o alcalde, Luis Fernández Guitián, “as obras foron moi ben acollidas polos veciños, xa que en todo os casos as fontes, os lavadoiros e o entorno estaban completamente abandonados e cunha moi mala imaxe”. “Ante isto, os veciños do municipio e os visitantes aplauden a iniciativa, e eu felicítome por ver convertida en realidade unha mellora que soñaba dende fai anos”, engadiu. Pola súa parte, na fonte de A Mina a inversión aproximase aos 9.000 euros, mentres que no caso de Os Eireos supera os 14.500. En ambos casos foron finaciadas nun 70% polo Plan Leader. “O ano pasado xa se fixo unha actuación semellante, tamén con fondos do Leader na fonte de Arroxo e a intención do grupo de goberno municipal de Sober é a de seguir facendo actuacións semellantes en 20 fontes de diferentes parroquias do concello”, apuntou o alcalde.
Deste xeito, nos vindeiros días os técnicos municipais comezarán a redactar as correspondentes memorias para presentar ante o Leader os proxectos de melloras medioambientais de fontes históricas, lavadoiros e o seu entorno. “As melloras medioambientais son prioritarias no actual grupo de goberno de Sober, que considera estas actuacións moi importantes, xa que ao mesmo tempo son unha recuperación do patrimonio histórico”, concluiu Guitián.