A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, asistiu á presentación da plataforma E-deidades, unha iniciativa dixital que posibilita ás empresarias lucenses contar cunha proxección dos seus negocios no exterior. Durante a súa intervención, Arias destacou a eficacia do traballo conxunto desenvolvido entre as administracións (Xunta de Galicia, Deputación Provincial e Concello de Lugo) e a Asociación de Mulleres Empresarias para culminar este proxecto, no que o Goberno galego inviste preto de 15.000 euros.
FOMENTO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS PARA EMPRESARIOS E CIDADÁNS
Raquel Arias subliñou a importancia de que as empresas galegas estean na rede para fomentar a súa internacionalización, e tamén o feito de que toda a poboación conte cun acceso de calidade a internet. Neste sentido, a delegada lembrou o traballo da Xunta na posta en marcha de diversas ferramentas informáticas destinadas aos emprendedores, como o Portal do Comerciante Galego, de recente creación, chamado a ser un instrumento de modernización e ordenación do comercio local. Asimesmo, Arias definiu a rede Redic como “un nexo de unión permanente entre os comerciantes, as súas organizacións representativas e a administración”, asegurou a delegada. Por outra parte, o portal Exportgalicia.com serve de axuda a tódolos empresarios para favorecer a súa presenza no exterior. En relación ao acceso dos cidadáns a internet, Arias lembrou que o Plan de Banda Larga logrou duplicar as taxas de cobertura de internet na provincia en apenas un ano, “pasando dun escaso 35% de lugueses que podían acceder á rede en boas condicións ao 75% actual”, co obxectivo de chegar á totalidade da poboación.