En marcha as Escolas Deportivas de Chantada con actividades para todas as idades

O prazo de inscrición remata o vindeiro 30 de novembro

Dende o pasado 19 de setembro xa están en funcionamento as Escolas Deportivas Municipais de Chantada, ainda que o prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 30 de novembro. Según explicou o concelleiro de Deportes, José Castor, “puxemos ese prazo un pouco para que os rapaces se vaian iniciando nas actividades e ao mesmo tempo os pais que se atopan con moitos gastos nestes meses de inicio de curso escolar, teñan máis tempo e lles sexa máis levadeiro anotar aos cativos nas Escolas”. Chama a atención que se trata dun programa de actividades completo, xa que inclúe alternativas e deportes para todas as idades. “En deportes para rapaces nós (as Escolas Deportivas), o que levamos son as categorías dende benxamín, incluso os máis pequenos de catro e cinco anos, ata o que é a categoría infantil incluída, que son 12-13 anos. A partir de aí xa o levan os clubes, e nós seguimos tendo modalidades para rapaces en aquelas actividades onde non hai clubes deportivos, como por exemplo tenis de mesa, bádminton, patinaxe artística ou ximnasia rítmica. E xa en deportes para adultos, as idades van dos maiores de 18 anos ata sen límite de idade; e en deporte para maiores, maiores de 60 anos tamén ata sen límite de idade”, explica José Castor. DEPORTES DE TODO TIPO En canto ao programa concreto de actividades, o grupo dos máis pequenos pode escoller entre bailes de salón, fútbol sala, fútbol 11 infantil, fútbol 7 alevín, mountain bike, baloncesto, atletismo, tenis, tenis de mesa, golf, patinaxe, patinaxe artística, ximnasia rítmica, psicomotricidade, xoquei liña, xadrez, karate e bádminton.

Un momento da clausura das Escolas Deportivas de Chantada na última temporada. EDCH.

Pola súa parte, en deportes para adultos tamén hai varias posibilidades tales como tenis, educación física, ximnasia de relaxación, mountain bike, multideporte, e tamén un curso de bailes de salón con ritmos latinos e sendeirismo, bádminton, fútbol sala veteranos, patinaxe e fútbol 11 veteranos. De igual xeito, en deporte para maiores estes poden escoller entre varias actividades: ximnasia, ximnasia suave, bádminton e bailes de salón. As Escolas Deportivas de Chantada tamén inclúen no seu programa deporte para discapacitados, onde por exemplo participa o colectivo de Asdeme con educación física adaptada.

AUMENTO CONSIDERABLE NO NÚMERO DE INSCRICIÓNS

Con todo isto, o responsable de Deportes sinalou que “mentres non se peche a inscrición non podemos dicir exactamente cantas persoas participan nas Escolas, pero creo que vai haber un incremento no número de inscricións porque a actividade de bailes de salón para adultos está a ter unha moi boa acollida. Mesmo hai xente que non se estaba apuntando ás Escolas Deportivas, pero que sí se vai anotar nesta actividade. Así que eu creo que o número de participantes vai a subir considerablemente”. Para poñer en marcha este programa deportivo o Concello de Chantada conta ademais con numerosas infraestruturas. Entre as instalacións figuran así por exemplo o pavillón principal para algúns deportes como poden ser o fútbol sala, bádminton, baloncesto ou patinaxe. E de igual xeito, os ximnasios dos dous pavillóns, tanto do colexio Xoán de Requeixo como do IES Lama das Quendas; o campo de fútbol municipal, ou a pista de tenis municipal. Unha serie de instalacións que tanto en período de Escolas Deportivas como no resto do ano están ocupadas. “Aparte das Escolas Deportivas están o clubes federados, entón digamos que as Escolas Deportivas son unha formación ou unha base para que despois estes rapaces, unha vez iniciados nas distintas modalidades deportivas, se pasen aos clubes”, sinala o concelleiro; “así que evidentemente a SD Chantada, ou o CB Chantada, os clubes de tenis e os rapaces dos colexios tamén utilizan as infraestruturas deportivas o resto do ano”, engade.

FOMENTAR HÁBITOS SAUDABLES

E entre os obxectivos, o principal: acadar unha vida saudable. “Non se trata de algo para ocupar aos rapaces e que así non estén nas súas casas; é dicir, a min gústame que o deporte se entenda como saúde, e realmente que os rapaces que practiquen deporte o fagan para manter hábitos saudables e ao mesmo tempo practicar actividades físico deportivas, xa que sabemos que isto é moi bo, porque ademais de socializar aos rapaces, crea eses hábitos que sabemos que son importantísimos”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os organizadores das festas do San Xoán en Sarria recuperan as corridas de touros para o ano que ven

Seguinte Nova

Impulso institucional ao exercicio saudable para colectivos específicos no rural

Últimas noticias sobre DEPORTES

A %d blogueros les gusta esto: