Durante os meses de outubro e novembro a aula CEMIT do concello de Sarria conta con numerosos cursos para formarse en distintas materias; especialmente no coñecemento e manexo das novas tecnoloxías. Así por exemplo, un deles é o curso de Correo electrónico e aplicacións asociadas que se desenvolverá do 4 ao 6 de outubro. A duración deste curso é de tres sesións, de martes a xoves, en horario de dez da mañá a doce do mediodía, ou ben de cinco a sete da tarde. Entre outras cousas, en dita actividade os usuarios aprenderán a crear unha conta de correo de Google, como se usa e configura, a utilización do calendario e como ubicar as novas de interese automaticamente na conta de correo persoal.
Outro dos cursos que ofrece a aula CEMIT é o de internet para persoas maiores. Este levarase a cabo os días 11, 13 e 14 de outubro, tamén en tres sesións (martes xoves e venres), co mesmo horario que o anterior (de 10.00 a 12.00 horas, ou pola tarde de 17.00 a 19.00 horas). A inscrición nesta actividade pode realizarse ata o vindeiro 3 de outubro e está destinada especialmente ao colectivo de xubilados. Pola súa parte, entre os contidos a tratar destacan temas como que é internet e que servizos ofrece, como aproveitar o tempo libre sen sair da casa, aprender a pedir cita para o médico e mesmo consultar a prensa online.