Deputación e Fundación Balogal traballan cos pequenos concellos
Achegar a actividade física a determinados grupos de poboación no rural, con características moi marcadas e cunha escasa oferta neste eido é o motor do programa “Todos, ¡a xogar!” que acaba de poñer en marcha a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo en colaboración coa Fundación Balogal. Este programa de dinamización social a través do deporte, que se está a iniciar neste mes e se desenvolverá ata abril de 2012, vai dirixido aos concellos da provincia de Lugo con menos de 5.000 habitantes que, polo seu censo, non teñen capacidade para facer chegar esta oferta aos veciños. O programa “Todos a Xogar!” está promovido pola Fundación Balogal co apoio económico da Área de Benestar Social e Deporte da Deputación de Lugo a través dun convenio con esta entidade.

PROGRAMA “TRANSVERSAL” QUE IMPLICA DEPORTE, BENESTAR SOCIAL, IGUALDADE E XUVENTUDE
Durante a presentación do programa “Todos, ¡a xogar!”, o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, que estivo acompañado polo director deportivo da Fundación Balogal, Cristino Menor, fixo fincapé en que se trata “dun programa totalmente transversal, que implica desde o deporte ao benestar social, igualdade e xuventude, xa que pretende reactivar a actividade física nos segmentos de poboación que habitualmente non realizan deporte en concellos do rural nos que hai menos oportunidades”.
COLABORACIÓN COS CONCELLOS E CON COLECTIVOS ESPECÍFICOS
Asimesmo, Antonio Veiga indicou que esta proposta de dinamización da actividade física “non só se ofertará aos concellos, senón que tamén se desenvolverá en colaboración con colectivos de persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, etc., porque entendemos que, malia estar nunha época de recortes orzamentarios nas administracións, non se debe reducir o gasto en benestar social”.
“EU TAMÉN XOGO NO BREO”: DEPORTE PARA PERSOAS CON RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL
Segundo explicou Cristino Menor, director deportivo da Fundación Balogal, o programa “Todos, ¡a xogar!” está estructurado conforme a varios eixos de actuación, segundo o grupo de poboación ao que vai dirixido. Así, baixo a denominación “Eu tamén xogo no Breo”, este programa fai extensible a oferta de actividade física aos discapacitados lucenses ou a colectivos concretos en risco de exclusión social. Con esta finalidade, o programa traballará con asociacións e institucións de atención a este tipo de colectivos, a través de profesionais especializados en este sector e coa presenza dos propios coidadores. Con esta estructura, desenvolverase unha actividade física semanal adaptada e personalizada según as características, motoras ou sociolóxicas, de cada grupo.
OBRADOIRO DEPORTIVO PARA ESCOLARES DE PRIMARIA
O programa “Todos, ¡a xogar!” vai dirixido aos rapaces que cursan entre 1º e 6º de Educación Primaria porque, polas súas idades, están nas primeiras fases sensibles da aprendizaxe motora, ao tempo que resulta un momento adecuado para fomentar hábitos saudables contra a obesidade e o sedentarismo. Asimesmo, o programa recoñece a demanda nestas bandas de idade de gran actividade física, que non sempre atopa equipos ou agrupacións estructuradas a través das cales se poida desenvolver esta necesidade. Neste sentido, o programa de Balogal e a Deputación de Lugo ofrecerá a estos escolares dúas horas semanais de actividade física planteada de xeito totalmente lúdico, para que os rapaces reciban o feito de facer exercicio coma un xogo, e o incorporen con naturalidade aos seus hábitos no futuro.
“NON TE RETIRES, VOLTA A XOGAR”: PROGRAMA PARA A TERCEIRA IDADE
Só dúas horas á semana para mellorar a calidade de vida dos nosos maiores, é a proposta de “Todos, ¡a xogar!” para este colectivo. Durante as sesións, traballarase a flexibilidade, a resistencia (mediante un exercicio de baixa intensidade pero sostido no tempo) e o fortalecemento e tonificación da musculatura máis precisa no día a día. Este programa pretende ademais atender as necesidades cognitivas deste colectivo, mediante a interactuación e a implicación dos participantes, como xeito de prevención dos problemas de aillamento e falta de estímulos.
O programa inclúe formación específica de persoal nos concellos para a xestión deste tipo de actividades
Durante o mes de setembro, os responsables do programa “Todos, ¡a xogar!” veñen de desenvolver os trámites precisos para a posta en marcha das sesións deportivas. Así, tralo rexistro de inscripcións e a selección de persoal, levouse a cabo un proceso de formación de persoal e un ciclo de visitas aos concellos implicados no programa.
SESIÓNS DE ACTIVIDADES DE OUTUBRO A MARZO
O calendario das sesións de actividade física en cada un dos concellos comeza no mes de outubro, e se extende ata o 1 de marzo. A partir dese momento, terá lugar o proceso de avaliación do programa, baseado nos datos da avaliación continua), sobre o que se elaborará a memoria final do proceso e que será presentada a finais do mes de abril.
FORMACIÓN PARA A XESTIÓN DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS
A novidade deste programa está na oportunidade que supón para dotar aos responsables das entidades, públicas ou privadas, de índole deportiva, da información e das ferramentas para poder optimizar os recursos dos que dispoñan e poñelos ao servizo da comunidade. Segundo explicaron os promotores do programa “Todos, ¡a xogar!”, os puntos básicos sobre os que xira este proceso de formación do persoal son as subvencións, a xeración de recursos públicos, os trámites legais para a constitución de clubes ou agrupacións deportivas, e o apoio administrativo para os concellos cara á creación de actividades propias.