A área de Turismo da Deputación presentou unha campaña baseada na mellora dos recursos promocionais dixitais e na aplicación de convenios cos empresarios do sector

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, anunciou a posta en marcha dunha campaña de desestacionalización do turismo lucense entre xaneiro e marzo “para atraer máis de 10.000 visitantes á nosa provincia”. O deputado nacionalista fixo estas declaracións no transcurso dunha xuntanza cos principais axentes turísticos da provincia de Lugo, na que tamén participou o vicepresidente da Deputación, o tamén nacionalista Antonio Veiga. A finalidade desta xuntanza foi, por un lado, escoitar as propostas que os axentes turísticos lucenses formulan de cara a mellorar os datos de ocupación hoteleira e volume de negocio do sector, e por outro, explicar as principais liñas de actuación que se van desenvolver desde a Área de Cultura e Turismo provincial.
Convenios cos empresarios turísticos
Segundo afirmou Mario Outeiro, “somos conscientes da baixada na ocupación hostaleira e do gasto turístico na provincia sobre todo en determinados momentos do ano”. Outeiro explicou que a campaña estaría estructurada tanto en traballar conxuntamente cos empresarios do turismo, e en reforzar as ferramentas tecnolóxicas de promoción turística. Así, as asociacións implicaríanse na busca de establecementos turísticos interesados en participar no proxecto reducindo os custes de estadía, e o organismo provincial achegaría mediante convenio unha pequena partida económica para complementar esta baixada de prezos.
Novas ferramentas promocionais
En canto á promoción, a Vicepresidencia 1ª será a encargada de promocionar e achegar a oferta turística complementaria e os paquetes turísticos a través dunha nova páxina web e de campañas de promoción específicas. Asimesmo, ao longo de 2012 este departamento provincial vai desenvolver diversas medidas, como a mellora da páxina web para introducir paulatinamente os Sistemas de Información Xeográfica, priorizar as imaxes, vídeos e o produto turístico xerado polo sector, introducir un directorio empresarial do turismo en Lugo, e mellorar no control, presenza e promoción nas Redes Sociais de incidencia no turismo.