Para empezar, é preciso clarexar o futuro do hospital de Monforte. ¿Ten valorado o Sergas o desmantelamento ou peche do hospital como denuncian desde frentes políticos ou sindicáis?
Quero ser moi clara neste punto. Ese tipo de afirmacións son falsas e só buscan desprestixiar ao hospital. O Goberno de Galicia ten un compromiso inquebrantable co hospital de Monforte, coa cidadanía, que non só non vai perder senón que pode estar tranquila en que vai contar cun hospital mellor equipado e con mellor capacidade de resposta. Cando por intereses políticos se fan afirmacións que pretenden alarmar á poboación, realízanse únicamente porque se busca tirar rédito político ou persoal delas. Iso non é honesto porque ese tipo de afirmacións só desprestixian ao hospital, perxudican ós pacientes e ós profesionais que alí traballan. Non é responsable que se utilice ó hospital como arma política ou para o interés persoal, pero moito menos é facelo neste momento de crise económica no que os esforzos deben centrarse en protexelo e poñelo en valor.
Cómpre facer un repaso do proceso de xeración do concepto “área sanitaria integrada”. ¿Cando aparece, en que contexto e que aporta con respecto ao concepto de “área sanitaria”?
A xestión integrada é un modelo organizativo horizontal, transversal e sen chanzos, que beneficia ao paciente cunha atención cercana, resolutiva e prestada en menor tempo de espera.
Actualmente hai un modelo de atención vertical, fraccionado e compartimentado (por una parte está a Atención Primaria, por outra a Atención Especializada, Saúde Mental, Saúde Pública, socio-sanitario, etc), sen continuidade asistencial. Estas estruturas teñen distintas visións e distintos obxectivos. Este modelo non satisfai nin a usuarios, nin a profesionais nin a xestores porque é máis caro e menos eficaz; e usuarios e profesionais perciben burocracia, falta de coordinación e de continuidade.
Polo tanto, a xestión integrada permite superar un modelo de xestión por centros que actualmente traballan separados de xeito totalmente autárquico, e en ocasións illado.
As vantaxes desde sistema de xestión fan que se estea a aplicar en numerosas comunidades autónomas, gobernadas por partidos de todo o arco parlamentario, como Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cataluña, Extremadura, Valencia, A Rioxa e Navarra; mentres outras están en proceso de implantación, como agora Galicia, onde a área sanitaria de Ferrol funciona deste xeito dende hai anos.
Esta remodelación de carácter administrativo que está a desenvolver o Sergas ten, necesariamente, consecuencias sobre a xestión e funcionamento dos centros sanitarios, tanto os de atención primaria como os hospitais. En canto aos centros de saúde, ¿que cambios introduce esta remodelación para usuarios e persoal sanitario?
Tanto os centros de saúde como os hospitais comarcais saen reforzados coa implantación da xestión integrada, xa que terán máis capacidade asistencial e de xestión coa integración dos servizos de Atención Primaria e Especializada, ao incrementar a complexidade dos procesos que atenden. Neste sentido, os cambios na xestión irán da man de cambios no xeito de traballar, coa potenciación da xestión por procesos, rutas ou circuítos asistenciais e coa potenciación das TIC (e-receita, historia clínica electrónica, telemedicina…). Grazas a estas modificacións, os pacientes contarán coa atención máis moderna e eficaz, que é o que de verdade debe primar á hora de xestionar a sanidade.
En relación aos centros de saúde, recentemente suscitouse en O Saviñao unha polémica polo recorte dunha das catro consultas con que contaba o ambulatorio de Escairón.
Debemos ser conscientes de que é preciso buscar sempre a maior marxe de eficiencia no sistema sanitario. Estamos observando que hai Comunidades Autónomas nunha situación de alta tensión económica por non ter adoptadas as medidas necesarias para manter a solvencia dos servizos sanitarios públicos. Realizar reorganizacións para aproveitar mellor os recursos é necesario e responsable, e iso é o que estamos a facer, garantindo sempre as coberturas asistenciais á poboación. Esta é a responsabilidade dos xestores públicos, evitar ter recursos ociosos ou con moi baixa actividade para poder invertir en novos centros, novos servizos ou novas camas hospitalarias.
No caso dos hospitais comarcais, dada a magnitude do seus procesos organizativos, cabe pensar que a remodelación do actual sistema en áreas sanitarias integradas terá maiores consecuencias: Por un lado, ao asumiren a xestión integrada da atención primaria, e por outro, ao ter que adaptar os corpos directivos ao novo organigrama.
Coa xestión integrada, substitúese o organigrama tradicional reducindo a estructura administrativa. Así, una única xerencia asumirá a xestión de tódolos recursos, prestacións e programas da atención sanitaria, tanto de Atención Primaria como de Especializada, así como sociosanitaria e de promoción e protección da saúde.
O seu proceso de implantación, como todos os grandes cambios organizativos, é lento e traballoso e esixe dedicación, valentía e esforzo para adoptar as iniciativas necesarias para prestar a mellor atención posible aos cidadáns galegos.
O caso da área sanitaria de Monforte reviste especial singularidade pola repercusión social e política que está a ter este asunto. Segundo se deduce dos decretos publicados para as áreas de Pontevedra e Ourense, os hospitais comarcais quedarían supeditados á xerencia da área sanitaria provincial. De aplicarse este modelo en Monforte, reduciranse servizos en favor dunha centralización en Lugo? Falando de medidas concretas, cal sería o panorama en canto á reducción das listas de espera no Hospital Comarcal, e na demandada ampliación de servizos, como a creación dunha UCI?
O que se fai coa implantación das áreas integradas é fomentar que todos os centros de saúde e hospitais traballen xuntos na mesma dirección reorganizando de forma máis eficaz os recursos xa existentes.
Neste sentido, a extensión de modelos de coordinación entre centros permitirá a ampliación de servizos e especialidades nos hospitais comarcais e garantindo a accesibilidade a todos os cidadáns aos mellores especialistas en intervencións ou patoloxias moi complexas no hospital de referencia (trasplantes, cirurxía cardiaca, etc…), independentemente da área sanitaria. Ao mesmo tempo, potenciarase a relación laboral entre os médicos do hospital e de Atención Primaria coa implantación de procesos asistenciais compartidos naquelas patoloxías máis frecuentes.
Polo tanto, coa xestión integrada a área sanitaria gañará poder de contratación e atractivo para os profesionais, xa que poderá ofrecerlles un amplo abano de áreas de traballo para desenvolver a súa práctica e carreira profesional. Non só iso: ao producirse unha mellor organización da atención á demanda haberá menos presión asistencial e mellorarán os tempos de espera.
En canto á xestión de recursos humanos, dentro dunha posible integración de Monforte na área de Lugo, que afectación tería sobre a xestión de persoal do Hospital comarcal? Perderanse postos de traballo a favor de Lugo?
Monforte non se integra en ningunha área porque as áreas do mapa sanitario de Galicia seguen a ser as mesmas. Seguirá a ter a autonomía coa que conta hoxe pero cunha importante vantaxe.Unha única xerencia será a responsable de tódolos Recursos Humanos, baseada nas necesidades globais da área sanitaria, que permite dar resposta ás demandas de persoal e posibilita a mobilidade, pactada e voluntaria, dos profesionais. Ademais, favorécese a investigación e unha mellor planificación da formación e poténciase a figura do especialista en medicina familiar e comunitaria e a do profesional da enfermería como integrador da atención ao usuario. Os profesionais sanitarios beneficiaranse da implementación da participación de todos na toma de decisións, mediante o uso da xestión clínica e da xestión por procesos. Asimesmo, a continuidade asistencial favorece a relación e o coñecemento mutuo entre os profesionais e potencia o traballo en equipo. Dende o primeiro momento contouse coa colaboración dos profesionais nesta modificación estrutural.
Aínda non foi publicado o decreto que estableza a nova realidade sanitaria que afectará ao Hospital de Monforte. En Ourense tense resolto a comezos do mes de agosto, coa publicación do decreto que supedita o Hospital de O Barco á capital da provincia. ¿Cales son as previsións da Consellería de Sanidade en canto a datas e aos termos en que se regulará a área sanitaria de Monforte? Que detalles quedan por resolver?A aposta do Sergas por esta redefinición da xestión sanitaria de Monforte suscitou dende hai tempo unha fonda polémica na comarca en torno á posible desaparición do Hospital.
O desenvolvemento da xestión integrada nas áreas sanitarias está sendo progresivo dependendo doutras actuacións sanitarias en cada una delas. A posta en funcionamento do Hospital Lucus Augusti, a construcción no Novo Hospital Público de Vigo ou a apertura de grandes centros de saúde como o de Sarria ten sido prioritarios nestas áreas.
A área sanitaria de Monforte non terá variacións entre antes e despois da publicación do decreto. É importante ter claro que coa implantación das áreas de xestión integrada non se altera o mapa sanitario e non desaparece nada: poténcianse e afiánzanse tanto os servizos como o rol dos hospitais comarcais. Neste sentido, a implantación das áreas de xestión integrada permite ter unha visión máis global das necesidades da área sanitaria ao aglutinar tódolos recursos humanos e técnicos tanto do hospital coma da Atención Primaria ofrecendo unha radiografía real do que está a disposición dos pacientes.
De integrarse Monforte na área sanitaria de Lugo, que vantaxes reportaría esta nova situación, tanto aos usuarios dos servizos como ao funcionamento do Hospital Comarcal?
Monforte vai contar coas súa propia xerencia. Os pacientes van ver mellorada a atención, como está a ocurrir coa implantación da receita electrónica, da historia clínica electrónica ou coa telemedicina, e poderán comprobar como se reducen os desprazamentos entre o centro de saúde o os hospitais, como mellora a atención ofrecida polo seu médico de cabeceira e como aumentan os controis que lle fan no seu propio centro (diabete, sintrom, oftalmoloxía, dermatoloxía, neumoloxía…, etc.). Poderán ter liberdade de elección de médico ou especialista. Máis calidade, mellores tempos e máis servizos.•