O Curso de Saúde Ambiental celebrado nos pasados días en Sarria enmárcase no Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles. Foron traballadores da Deputación os que arrincaron as xornadas formativas, dando a coñecer as medidas desenvolvidas pola institución para xerar riqueza mediante o medioambiente. Participaron ducias de estudantes universitarios e dos ciclos educativos de formación profesional de carácter ambiental, funcionarios e responsables políticos dos Concellos colaboradores -O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Portomarín, Samos, Triacastela, Lugo e Monforte de Lemos-, así como representantes de asociacións sen ánimo de lucro e parados.
O curso centrouse fundamentalmente en torno á xestión sostible dos recursos naturais como factor do desenvolvemento socioeconómico e de benestar social na provincia de Lugo ; a xestión das augas na provincia de Lugo; a xestión dos residuos, o seu reciclaxe, reemprego e valorización; e o eixo Lugo- Sarria- Monforte no camiño cara a sostibilidade. Ademais, incluiu visitas prácticas a Cementos Cosmos, Fontecelta, roteiro por Foz das Aceas, ETAP e EDAR municipais de Sarria, planta de transferencia de residuos urbanos e punto limpo, tamén no municipio sarriano.
Políticas autonómicas
A delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias fixo fincapé durante a clausura desta actividade en que “a sostibilidade medioambiental é un asunto prioritario para o Goberno Galego, que mantén numerosas actividades relacionadas coa protección directa do medio así como coa educación ambiental” e aludiu ao programa Axenda 21 e ao seu papel como referente de actuación nesta materia. A delegada territorial, á que acompañaron o alcalde da localidade, José Antonio García, e o director do curso, Francisco Peña, destacou a necesidade de reforzar os investimentos que incidan na calidade ambiental e no desenvolvemento sostible, como forma de garantir “un modelo económico máis eficiente.
A Xunta coordina a implantación da Axenda 21 escolar ou o Proxecto Climántica, dúas liñas de actuación dirixidas aos mozos. Cómpre subliñar que o curso pasado a Axenda 21 Escolar cerrouse cunha participación de máis de 800 alumnos, 275 de educación primaria e 540 de educación secundaria de 43 centros educativos das catro provincias galegas. Arias aludiu tamén a outras medidas como o Programa Marco de Acción contra o Cambio Climático 2010-2020 ou o novo Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos 2010-2020.