Os socios do Banco de Tempo de Monforte veñen de celebrar unha xuntanza co obxecto de definir as actividades a realizar no mes de outubro. Deste xeito, a maiores do seu labor cotiá, decidiron realizar actividades relacionadas coa informática e cos museos da cidade. En concreto, unhas xornadas de informática de dous días de duración, para aplicar na práctica os coñecementos sobre páxinas web e redes sociais adquiridos recentemente na charla sobre “Novas Tecnoloxías da Rede”, que se impartiu na Casa da Cultura. E por outra parte, unha ruta museística que formará parte dunha serie de rutas que os integrantes do Banco de Tempo realizarán polos museos e lugares de interese da cidade. Esta primeira ruta consistirá na visita ao Museo do Ferrocarril de Galicia e ao Centro do Viño da Ribeira Sacra. A data escollida para a visita é o xoves 20 de outubro. As persoas interesadas nestas dúas actividades terán que anotarse no Banco de Tempo, sendo a data límite para facelo o luns 17 de outubro.