María Xosé Vega destaca o alto custe dos servizos comarcais
A xunta de goberno local de Monforte aprobou a creación dunha bolsa de emprego para a cobertura temporal de baixas entre o persoal do Concello; ainda que en realidade o que se aprobou foron as bases do concurso para acceder a esa bolsa de emprego. Unha vez feito isto, haberá un proceso selectivo no que se valorará aos aspirantes. A creación deste servizo posibilitará dispoñer dunha lista de espera para cubrir (con carácter interino) vacantes de auxiliares administrativos e postos de docentes do conservatorio de música municipal.
Comarcalización de servizos
En rolda de prensa, María Xosé Vega Buján tamén fixo alusión ao alto custe que están a ter numerosos servizos que o Concello de Monforte presta ao resto da comarca sen ser esta a súa obriga. “Nos útlimos tempos dende a Xunta fálase da necesidade de comarcalizar servizos, pero nós facémolo, xa prestamos moitos servizos ao outros Concellos sen estar obrigados, e os que están pagando ese altísimo custe son o Concello de Monforte, a Deputación e os cidadáns, pero non a Xunta”. Vega Buján tamén indicou que de case un millón e medio de euros que custa financiar este tipo de servizos ao ano, o Concello aporta algo máis de 900.000 euros, a Deputación 363.000, os usuarios máis de 114.000, e a Xunta de Galicia tan só 36.147 euros. Ante esta situación, María Xosé Vega asegurou que “a solución non é pechar ou deixar de atender aos cidadáns, pero quen asume a responsabilidade -neste caso o Concello- non debería estar só. Por este motivo facemos públicos estes datos, para que a Xunta reflexione e tamén os concellos da comarca coñezan canto lle custa a Monforte manter e prestar certos servizos dun xeito do que non están obrigados”.