O Concello de Chantada celebrou este luns a súa sesión plenaria, na que o máis destacado foi a aprobación dun acordo para solicitar ao Instituto de Crédito Oficial (ICO) preto de 270.000 euros que servirán para pagar facturas pendentes a proveedores do Concello; a única finalidade para a que se lle concedeu esta axuda ao Consistorio. Segundo explicou o alcalde, Manuel Varela, “trátase dunha cantidade que nos permitirá quitar facturación de diante, en concreto facturas do 2008-2009 e despois ata onde cheguen os cartos”. “Agardamos que con isto, e co orzamento co que conta o Concello actualmente, que eran preto de cinco millóns de euros, nos dé para pagar o que debemos. Ainda así, quedan cousas pendentes do ano 2006”, engadiu Varela.
O rexedor chantadino tamén explicou que a súa intención era pagar a débeda pendente de recoñecer oficialmente, algo ao que tivo que reunciar finalmente debido á negativa da oposición, tanto do Partido Popular como do Bloque Nacionalista. Pola súa banda, aos acreedores con débeda xa recoñecida “irémoslles pagando por orde cronolóxica, primeiro aos que teñan facturas máis atrasadas, mentres que a débeda sen recoñecer seguirá pendente”, sinalou. O Concello de Chantada queda así agora comprometido a devolverlle ao ICO unha parte deste crédito para o ano que ven, mentres que o préstamo no seu conxunto terá que ser devolto nun prazo de tres anos.