Non se descartan novas mobilizacións en defensa dunha área sanitaria autónoma
O hospital comarcal de Monforte cumpre un cuarto de século dende a súa entrada en funcionamento e non o fai exento da polémica que dende o pasado ano se asentou na zona en canto ao seu futuro. Agardando pola aprobación do decreto específico que converterá en área sanitaria integrada a que comprende a zona sur de Lugo, son moitas as afirmacións que se verten dende distintas frontes políticas e sociais e que apuntan a situacións ben diversas no que se refire á nosa sanidade máis local e ás súas perspectivas. En resposta á entrevista publicada no pasado número do noso periódico e na que a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, afirmaba que a xestión integrada vai significar para a zona sur de Lugo unha área sanitaria mellor equipada e se pronunciaba en contra das liortas políticas ou persoais en torno a este asunto, En Común quixo coñecer a percepción da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e tamén dos responsables políticos da comarca.
PLATAFORMA SANITARIA
En primeiro lugar, o colectivo que promoveu a histórica manifestación que concentrou a centos de persoas na cidade do Cabe en maio de 2010 non está de acordo en que, tal e como afirma a conselleira, nos atopemos “ante unha simple redefinición administrativa”. Para os responsables da plataforma, “a linguaxe que utilizan os representantes do Sergas e a propia Consellería de Sanidade confunde e desvía a atención dos cidadáns usando a táctica da tinta do calamar que só pretende confundir con palabrería, sobre cal é o verdadeiro problema, ou sexa, a perda do significado real do que é unha área sanitaria”, apuntan.
En referencia ás palabras de Pilar Farjas cando pón como exemplo que Ferrol leva funcionando oito anos como área de xestión integrada e que iso non supuxo máis ca vantaxes para os cidadáns, a Plataforma si coincide “teoricamente”, a pesar de que a Consellería “non ten datos publicados do bo aproveitamento desta xestión”. Sen embargo, denuncian que a titular de Sanidade non explica, pola contra, que Ferrol non perdeu capacidade de xestión nin económica, “ou sexa que se mantivo e segue a manterse como área con toda a capacidade e sen dependencia da Coruña” explican. Nesta liña, os responsables do colectivo en defensa da área sanitaria de Lemos apuntan que son precisamente “estas condicións que se lle respectaron á área de Ferrol as que estamos a reclamar para Monforte”, tal e como lembran que prometera o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo o pasado 28 de maio de 2010, “onde dixo que seriamos unha área cun xerente con todas as competencias e sen dependencia de Lugo”.
Preguntados polas vantaxes que comportaría o concepto de área sanitaria integrada como xestión horizontal dos distintos niveis de atención, os representantes da PLADESAPU defenden ese modelo, pero reclaman a Xestión Integrada que englobe baixo unha única xestión a atención primaria e a especializada, a saúde pública e os centros socio sanitarios subliñando que “para facer isto non é preciso ter que depender de Lugo senón que se trataría de ter ao fronte da xestión integrada un xerente de área de Monforte e non, tal como se ve nos decretos publicados (en referencia ao ocorrido en O Barco ou Burela), un xerente executivo que non ten outra capacidade que a que lle ordene o xerente de verdade que está ao fronte da estrutura con sede en Lugo” .
Do mesmo xeito, en canto aos inconvenientes que a implantación da área integrada traería consigo, a PLADESAPU mira cara a Lei Xeral de 1986 na que se establecería que “as áreas de saúde (o equivalente ás actuais áreas sanitarias) deben distribuírse de forma desconcentrada, tendo en conta sobre todo a proximidade dos servizos ao usuario, a xestión descentralizada e a participación dos veciños”, concretan. Por outro lado, quixeron remontarse á Lei de Saúde de Galicia de 2008, da que sosteñen que “o único que fai é introducir o concepto de Xestión Integrada dos recursos sanitarios, prestacións e programas sanitarios que as áreas desenvolven dentro do seu ámbito territorial”. Con isto, os voceiros da Plataforma, encabezados por Maribel García, cren que o que estaría agora a facer a Consellería “amparándose nesta lei de Galicia e en concreto no artigo 97”, sería cambiar a actual estrutura organizativa das áreas sanitarias e, «o que é máis importante,todas as funcións e competencias, coa finalidade de facer sete grandes estruturas de xestión integrada” que serían Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Ferrol, Ourense e Lugo, apuntaron. Dende este punto de vista, a plataforma considera que se estaría “eliminando as catro áreas sanitarias cun Hospital Comarcal ao fronte, ou sexa, Salnés, O Barco de Valdeorras, Burela e Monforte de Lemos”.
Os temores da plataforma e dalgunhas frontes sociais e políticas resúmense en que unha vez aplicado este novo sistema de xestión, en Galicia pasariamos de ter once áreas sanitarias a sete. Na opinión do colectivo “de novo queren confundir aos cidadáns dicindo que se mantén o mapa sanitario, transmitindo a mensaxe de que mapa sanitario é o mesmo ca área sanitaria, cousa que non é correcta xa que o mapa só describe a xeografía, e as competencias descríbense dentro da área”. A Plataforma insiste e parece ter claro que o Sergas pretende que área do hospital comarcal de Monforte dependa da “Xerencia Integrada de Lugo, co seu xerente á cabeza”, que sería, desta maneira, quen “propoñería e executaría a reorganización asistencial que se considere necesaria tal como di o artigo 5 do Decreto 168/2010, e por tanto será quen decida que servizos sanitarios se prestarán en Monforte e cales en Lugo”. Este feito “deixaría a porta aberta á posibilidade de perder servizos que na actualidade dispoñemos”, afirman dende a Plataforma.
Nesta situación, as demandas da PLADESAPU céntranse en que “ o presidente da Xunta cumpra o seu compromiso de publicar o Decreto para a provincia de Lugo onde se manteña a capacidade da área sanitaria de Monforte sen dependencia de Lugo”, e con este obxectivo anuncian novas mobilizacións proximamente. Finalmente, vinculan ás súas sospeitas o feito de que se estea a retardar a publicación do devandito decreto e afirman que “todos nos deberiamos preguntar que se esconde para xustificar a tardanza desta publicación, pois se a intención fose boa, o fácil sería darlle luz canto antes para rematar coa confusión”.
OS ALCALDES DAS CABECEIRAS DE COMARCA OPINAN
Esta preocupación é a mesma que traslada o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, en representación do municipio cabeceira da comarca. Para Rodríguez “ todos os indicios van en sentido negativo de cara ao desmantelamento do Hospital”, e cita a contraposición das afirmacións de Núñez Feijóo fronte ás do seu propio grupo parlamentario en referencia á posible dependencia da área sanitaria de Lemos dunha xerencia única provincial, xa que Feijóo comprometera a autonomía do centro hospitalario monfortino. En consonancia coas sospeitas de PLADESAPU, o mandatario monfortino conclúe que “ se estivese clara a independencia da nosa área sanitaria, xa se tería publicado o decreto”. Rodríguez mira cara a amarga experiencia do desmantelamento do ferrocarril na cidade e fai unha comparación co caso do hospital; no que estarían a restarse servizos e postos de traballo dun xeito progresivo e enmascarado, no seu criterio. Por outro lado, o alcalde de Monforte, insta aos responsables autonómicos a recoñecer que non existen recursos económicos no caso de ser a explicación ou a necesidade de encher de contido e actividade a grande infraestrutura sanitaria creada recentemente en Lugo.
Rodríguez traslada que o clima de preocupación está xa dentro do propio hospital comarcal, que está rexistrando por outra parte malos resultados nas listas de espera. “ A lealdade hai que mantela cos cidadáns, e non cos grupos políticos, afirma o mandatario nacionalista”, quen por outra parte fala dun problema que redunda en toda a zona sur de Lugo, non tan só na comarca de Lemos e non tan só no eido estrictamente sanitario, senón tamén económico. “Si se lle quere chamar reaxuste a un feito que esconde recortes económicos na Sanidade, a responsabilidade segue a ser da Xunta”. Os responsables autonómicos, en opinión do alcalde, seguen a “confundir” e a alimentar a preocupación e o malestar cidadán ao non probar o decreto que rexerá a área sanitaria de Lemos. Rodríguez mira cara a mobilización do pasado mes de maio, e apunta que “ a Xunta debe respectar e mirar con responsabilidade o que alí manifestaron masivamente os cidadáns”. Rodríguez fala dunha “cuestión vital” para Monforte e de “consecuencias catastróficas” si se produce o temido “desmantelamento ou desaparición progresiva” do centro hospitalario tal e como é hoxe.
Dende a cabeceira comarcal de Chantada, con dous concellos inmersos na área sanitaria de Lemos, o alcalde, Manuel Varela, recoñece unha certa preocupación e desconfianza por parte da poboación. “Trátase dun servizo exquisito para os nosos veciños- en referencia ao hospital- pola súa proximidade e cobertura, pero é certo que ás veces se fai complicado contar con todos os servizos nas mellores condicións”, apunta. Ao tempo valora como tranquilizadoras as palabras dos responsables do Sergas e do goberno galego, pero desconfía da proximidade electoral neste senso. “Eu non me metería en si a xerencia vai depender ou non de Lugo, porque no ámbito sanitario é complicado contar con todas as especialidades en todos os hospitais, e a idea de fomentar un hospital de referencia a nivel provincial en certas ramas sanitarias, non me parecería mal”, apunta Varela, quen, sen embargo, non comulgaría cos recortes en servizos, aínda que se reorganice a xestión.
Ante novas mobilizacións, Varela postúlase partidario de esgotar as vías de diálogo en primeiro termo, pero non descartaría encabezar protestas “si se demostra que se está a mentir dende o Sergas ou se están a mermar os servizos”.
“Reorganizar os servizos non debería estar mal visto”, resume pola súa banda o rexedor quirogués, representante da cabeceira doutra das comarcas vinculadas á area sanitaria e polo tanto aos servizos hospitalarios de Monforte. Julio Álvarez considera que o descontento actual é unha polémica xerada con facilidade dende certos intereses. Como rexedor e dende a proximidade como traballador sanitario, Álvarez non percibe indicio algún de desmantelamento dos servizos sanitarios na zona “ senón todo o contrario”, apunta. Os futuros cambios vincúlanse a unha “cuestión de reorganización interna, e o único que nos ten que preocupar aos cidadáns é que non se merme a calidade da asistencia sanitaria, o resto é cousa dos xestores e dos políticos, e o que ten que valorar a plataforma é o resultado da xestión e non debe adiantarse aos acontecementos”, apunta o mandatario quirogués, quen engade que “ as denuncias hai que apoialas con datos”. Julio Álvarez aposta por que “ o goberno goberne e non se deixe influír, ao tempo que lanza a idea de que si os obrigados recortes non merman a calidade e cantidade dos servizos, iso significará que se implantará unha boa xestión.
A CORPORACIÓN MONFORTINA VALORA
E dende outros ámbitos como a oposición local, eses cambios percíbense como algo a todas luces innecesario. En palabras do voceiro socialista na corporación monfortina, José Tomé, “si o hospital funciona ben dende hai 25 anos non vemos motivo de cambio no seu organigrama”. O PSOE monfortino postúlase unha vez máis en favor dunha xestión integrada entre a atención primaria e a especializada, “pero sempre que a área sanitaria de Monforte siga tendo a mesma autonomía que ata o momento, cun orzmento propio e con capacidade de decisión para xestionar os seus recursos”, é dicir, cunha liña directa co Sergas en Santiago. Coas mesmas sospeitas que o goberno monfortino e a PLADESAPU, os socialistas apuntan a que o goberno galego vai deixar pasar as eleccións para lanzar o decreto que rexerá a área sanitaria de Lemos, e que temen vaia na mesma liña ca o do Barco, O Salnés e A Mariña. Tomé Roca expresa o desexo de que “ ogallá con Monforte fagan unha excepción, tal e como prometeu Núñez Feijóo”, e colócase novamente a carón do colectivo en defensa da sanidade pública nas súas reivindicacións.
Nembargantes, para Julia Rodríguez, voceira do PP na corporación local de Monforte, o modelo que prantexa a Xunta é un novo modelo “organizativo” e “dirixido a mellorar a atención ao paciente dunha forma máis moderna e eficaz, con maior coordinación, mellora da calidade e tempos de espera ao tempo que permitirá ampliar servizos e especialidades nos hospitais comarcais”. Julia Rodríguez adianta que o novo esquema vai permitir que os pacientes monfortinos teñean acceso aos mellores especialistas do Hospital Lucus Augusti en casos de complexidade e sin a necesidade de desprazarse a Lugo sistemáticamente grazas á mobilidade do persoal, que entende “ fará máis atractivos os hospitais comarcais para os profesionais que desexen desenvolver a súa carreira e isto traerá consigo as dificultades de contratación que que afectan habitualmente aos pequenos hospitais.
En representación do Grupo Municipal do PP, Rodríguez di ter mantido contactos con profesionais e pacientes de hospitais onde se aplicou o novo sistema de xestión, quen lle tería trasladado que “ a atención ao paciente e a organziación do traballo teñen mellorado considerablemente”, apunta. O único inconveniente sería, en opinión dos populares monfortinos, o que podería darse para os profesionais sanitarios derivado desa mobilidade xeográfica, “pero en todo caso como vai ser pactada e voluntaria, non cremos que supoña maiores problemas”, puntualiza Rodríguez Barreira.
Preguntada sobre a polémica e as diversas opinións existentes arredor do futuro do hopsital, a voceira popular considera que “se trata dunha polémica creada co fin de obter unha rendibilidade política”. A alarma social existente é para ela “ creada, inxustificada e desproporcionada e sobre un tema moi sensible” e lembra que nas áreas integradas en funcionamento “ non houbo desmantelamento algún nin perda de servizos” e vai máis aló en relación a opinións como a que verquía o rexedor monfortino; “comparar este cambio organizativo co desmantelamento de Renfe é unha irresponsabilidade e non pode entenderse doutra maneira que non sexa co afán de obter réditos políticos”. Por outra parte, Julia Rodríguez fala de que nin a desaparición nin o desmantelamento progresivo do hospital son denuncias que teñan fundamento algún. Tampouco falta a súa referencia ás eleccións, e indica que “ non nos sorprendería encontrarnos cun novo nuevo repunte da polémica en vísperas de eleccións”; en consoancia co que opinan os alcaldes populares da comarca, apela ao paso do tempo para poñer as cousas no seu lugar.
OS ALCALDES DE LEMOS DEFENDEN A PERMANENCIA DE SERVIZOS DE DISTINTA MANEIRA
Para os pequenos concellos da comarca o hospital comarcal é un servizo directo e punto de atención continuada, a súa proximidade é valorada polos rexedores, que como Luís Fernández Guitián, alcalde de Sober, son prudentes á hora de facer valoracións ata que non se produzan os cambios en previsión, e apunta que “ as sospeitas non son sempre realidades”, pero en todo caso posiciónase a favor dunha área integrada propia e en contra duns cambios que poidan producir calquera merma nos servizos.
A mesma sensación de tranquilidade e espera transmite o alcalde do Saviñao, o popular Joaquín González, quen apunta dende unha perspectiva persoal, que “ as informacións que teño non son as mesmas que se difunden dende algúns sectores e que se dirixen cara un desmantelamento do hospital, a Consellería e o propio partido transmiten que non existe nada diso, e mentres non se diga ou demostre o contrario quédome con esas informacións”. González posiciónase en prol da defensa dos servizos do hospital tal e como estivo prantexado deica hoxe “ ou incluso en prol dun incremento dos mesmos” e anuncia que defenderá o hospital en representación dos veciños, pero lembra que non existe temor algún dende o goberno local na dirección de que se vaian tomar medidas que perxudiquen a asistencia hospitalaria na comarca. Tampouco hai desconfianza algunha ou temor a un recorte de servizos por parte do mandatario local de Pantón, José Luís Álvarez, quen afirmou que “algún alcalde dixo que se ía pechar o Hospital, e ata esta data non se percibiu aínda tal síntoma no centro sanitario en ningún sentido”. Álvarez ampárase na palabra dada pola conselleira de Sanidade e o presidente da Xunta e tamén rexeita adiantarse aos acontecementos indicando que “ antes de que nada ocorrera a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública pretendeu facer ruido con fins políticos”. Por outra parte susténtase en que á área sanitaria de Lemos é un territorio considerable para que pase a depender dunha xestión emprazada en Lugo, e en relación á espera pola aprobación do decreto, considera que os tempos nas administracións son lentos e deben cumplirse certas burocracias.
Pero a espera pola saída a luz deste decreto non tería a mesma base burocrática en opinión do alcalde de Ribas do Sil, o socialista Miguel Ángel Sotuela, quen desconfía das promesas de Núñez Feijóo “ata que non se rexistren por escrito”. Declara que “ se non había problemas nin nada que ocultar, o decreto debería estar aprobado xa”. Sotuela maniféstase na mesma liña que cada un dos alcaldes da comarca de “manternos unidos cos veciños nas súas reivindicacións” e non descarta encabezar novas mobilizacións no caso de seren convocadas polas plataforma. Sotuela detecta continuos recortes na asistencia sanitaria da comarca e só ve que se poidan evitar cunha área integrada independente e autoxestionada.
Na mesma desconfianza e temor ao futuro do hospital se pronuncia o rexedor da Pobra do Brollón, José Luis Maceda. O nacionalista afirma que xa se están a producir mermas nos servizos “ aínda antes de saír o decreto”, e isto reflectiríase, sen ir máis lonxe, en datos coma o incremento das listas de espera “ e non o digo eu, que o din os pacientes”, sentenza Maceda. “Depois de case un ano das declaracións do presindente do Goberno Galego, seguimos pendentes da aprobación dese decreto, e os cidadáns van perdendo a confianza nas súas palabras”, engade o alcalde, quen considera que a Plataforma en defensa da Sanidade é un colectivo totalmente “plural e cívico, moi lonxe dos que queren velo como un instrumento político, e iso quedou demostrado coa contundente resposta que tivo a manifestación cidadá de maio de 2010”, subliñou.
Dende Bóveda, o goberno local amósase preocupado “ unicamente por que se garanta a atención que os veciños tiveron ata agora e que se traballe incluso por mellorala”, di o alcalde José Manuel Arias, que confía no mantemento dos servizos hospitalarios no futuro. Nunha postura similar á do mandatario quirogués, o popular amósase á marxe dos cambios de xestión que poidan producirse e non entra a valorar o novo modelo organizativo, “ que pode que redunde en beneficio dos usuarios, e polo momento tampouco se están rexistrando problemas”, engade. Arias confésase descoñecedor dos sistemas de xestión sanitaria, pero opina que as intencións dos cambios van enfocadas a fomentar melloras, a pesar de que non ve con bos ollos “ que se produciran recortes nunha sanidade pública da que temos a sorte de presumir”, conclúe.