O GDR Ribeira Sacra participa nun proxecto de xeoemprego co que se pretende conservar e divulgar o patrimonio xeolóxico dos concellos
O GDR Ribeira Sacra ven de participar xunto con outros 12 grupos de acción local españois e 2 rumanos, no proxecto de cooperación transnacional ‘Geoempleo: La Geodiversidad como Yacimiento de Empleo’. O obxectivo fundamental de ‘Geoempleo’ é a través da colaboración e coordinación avanzar na conservación, recuperación, divulgación e interpretación do patrimonio xeolóxico dos territorios, e no desenvolvemento do Xeoturismo. Neste senso, o concello de Pantón conta cun punto de interese xeolóxico do territorio incluído no GDR Ribeira Sacra, que é a fervenza de Augas Caídas. Pero son moitos os municipios da comarca e arredores que contan con puntos de interese, tales como o mirador de A Pena da Cruz en Bóveda, a Cova das Choivas en A Pobra do Brollón, o Museo Xeolóxico de Quiroga, a minería romana de ouro en Ribas do Sil, ou o mirador do Cabo do Mundo no Saviñao.
Actuacións
O proxecto desenvolverase durante tres anualidades: 2011-2012 e 2013. Neste primeiro ano 2011 levarase a cabo a fase de asistencia previa preparatoria na que se realizará un diagnóstico da situación de partida, elaboración de material divulgativo, etc. Xa durante os anos 2012 e 2013, desenvolverase a fase de execución do proxecto, na que se porá en marcha unha páxina web na que se recopilarán todos os recursos xeolóxicos dos territorios participantes, elaborarase material didáctico e levaranse a cabo accións de difusión para a poboación en xeral. O orzamento total do proxecto ascente a 250.000 euros.