Do curso impartido neste concello beneficiáronse once desempregados, aos que se sumarán 1.200 persoas máis nunha segunda parte
No concello de Ribas do Sil rematou hai uns días o curso Promoción Turística Local e Información a Visitantes, que realizaron once desempregados de xeito gratuíto, grazas ao Pacto Provincial polo Emprego. Trátase da última acción formativa das 45 totais que incluíu o programa da Deputación, co-financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo e no que participaron máis de 500 desempregados de todos os Concellos da provincia, agás o de Lugo por ter o seu propio Plan. Co remate deste curso púxose fin ás 15.000 horas de formación nas profesións con máis futuro na provincia, previamente diagnosticadas mediante o Pacto. Deste xeito, a Casa Consistorial de Ribas do Sil acolleu as derradeiras clases teóricas. Neste caso, foron un total de 570 horas que se celebraron dende o 14 de marzo e ata o 14 de outubro. Esta acción formativa tamén incluíu 120 horas prácticas, das 60.000 horas totais que ofertou o Pacto Provincial polo Emprego, en empresas lucenses.
É de destacar que os máis de 500 participantes recibiron, tanto para a formación teórica como para a práctica que se prolongaron dende marzo a outubro, unha axuda de 400 euros, equivalente ao 75% da cuantía establecida polo IPREM (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples). A Deputación porá en marcha de xeito inmediato a 2º parte do Pacto Provincial polo Emprego da que se beneficiaran outros 1.200 lucenses actualmente en paro que, sen custe algún, recibirán formación e realizarán prácticas nas profesións con máis futuro en Lugo co fin de facilitar a súa insercción laboral.