O ministro de Fomento asina en Monforte o compromiso de financiamento da ponte da Aceña Nova

O pasado mércores, 26 de outubro, o ministro de Fomento, José Blanco, visitou Monforte de Lemos para asinar co alcalde o compromiso de financiamento para a execución da ponte de Aceña Nova, na que se van invertir dous millóns de euros. Na súa visita, na que estivo acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Pose, foi recibido polos representantes dos grupos políticos da corporación local. Logo da sinatura deste compromiso, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, agradeceu en nome dos monfortinos a visita do ministro de Fomento, coa que José Blanco demostraba, según o rexedor local, que cumplía os compromisos adquiridos con Monforte.

José Blanco, acompañado polo alcalde de Monforte e polo Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Pose, na firma do compromiso de financiamento da ponte Aceña Nova. EC

ACEÑA NOVA, “EIXO VERTEBRADOR” DA VILA

Na súa intervención, Severino Rodríguez destacou a importancia da ponte de Aceña Nova como eixo vertebrador da cidade e como alternativa para o tráfico rodado que agora circula polo centro urbano. O rexedor tamén lembrou as boas noticias sobre o ferrocarril dende a Union Europea, destacando o papel do ministro de Fomento na potenciación de Monforte como centro do transporte de mercadorías. Severino Rodríguez cualificou a decisión da UE como o reto máis importante que tivo Monforte nos últimos anos. O alcalde rematou a súa intervención agradecendo de novo a José Blanco o seu compromiso con Monforte, e destacou que “nunca un Ministro veu tantas veces a Monforte en tan pouco tempo”.

Un momento da recepción do ministro de Fomento diante do Concello de Monforte polo alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, o portavoz municipal do PSdG-PSOE, José Tomé, e a portavoz municipal do PP, Julia Rodríguez Barreira. EC

COOPERACIÓN INSTITUCIONAL DENDE FOMENTO

Pola súa parte, o ministro de Fomento agradeceu as palabras do alcalde de Monforte, e reiterou que a política desplegada dende o seu ministerio estivo baseada na cooperación institucional como “mellor maneira de resolver os problemas da cidadanía”. Neste sentido, José Blanco recalcou que “coa sinatura do compromiso de financiamento para a ponte de Acea Nova estamos poñendo de manifesto esa maneira de entender a política dende a cooperación institucional”. José Blanco lembrou as inversións do seu ministerio en Monforte, como a reforma da antiga estrada N-120, en execución, ou a rehabilitación das rúas Pescaderías e Zapaterías, recentemente finalizadas. Asimesmo, Blanco felicitou ó alcalde pola súa facilidade para o diálogo e a comprensión, comentando que “se todos tiveran a mesma boa disposición a autovía A-76 xa estaría moi avanzada”. O Ministro de Fomento anunciou que, en breve, trasladarase ó Ministerio de Medio Ambiente a información precisa para a declaración de impacto ambiental, e que a redacción do proxecto da A-76 será inmediata. José Blanco cualificou esta infraestrutura como vital para “afianzar Lugo e Monforte como claves na articulación do transporte de viaxeiros e mercadorías no norte de España”.

O ministro de Fomento, José Blanco, nun momento da reunión cos membros do Consello Económico e Social durante a súa visita a Monforte de Lemos. EC

ESTUDO INFORMATIVO DO AVE OURENSE-MONFORTE, ANTES DE FIN DE ANO

O Ministro de Fomento rematou a súa intervención destacando o importante papel que Monforte desenvolveu ó longo da historia contemporánea como nó de comunicacións, papel que, segundo dixo, recuperará tanto no transporte de mercadorías como na alta velocidade. José Blanco anunciou que o estudo informativo da liña do AVE Ourense-Monforte estará feito antes de que remate o ano.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Proxecto ABALAR: o modelo de aprendizaxe do futuro

Seguinte Nova

As infraestruturas, principal investimento da Xunta no sur lucense para 2012

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: