O Concello de Quiroga baralla a ponte da Constitución como data de inauguración. A corporación aproba tamén os orzamentos para este ano
O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, informou esta semana de que xa está todo listo e ramatado no Museo Xeolóxico do concello. “A día de hoxe o único que falta é fixar data para a súa inauguración”, indicou, “que estando en precampaña electoral cremos que non será posible facelo ata despois das eleccións. Posiblemente sexa na ponte da Constitución”, engadiu. Ademais da inauguración, Julio Álvarez explicou que dende o Concello teñen a intención de pedirlle á Xunta de Galicia que declaren o pregamento tumbado de Campodola-Leixazós como Monumento Natural. “Sería algo moi importante para o municipio e para toda Galicia, e ademais está ligado ao Museo Xeolóxico”.
Pleno do Concello
Por outra banda, a corporación do Concello aprobou tamén esta semana os orzamentos para este ano. Uns orzamentos que segundo apuntou o alcalde rondan aproximadamente os 3.400.000 euros. “A parte disto o máis destacado foi a reducción forte dun 35 % no gasto de persoal e tamén en cargos selectos, destacando que debemos ser un dos poucos Concellos que non conta con ningunha dedicación exclusiva”, engadiu. Álvarez non quixo esquecer que as reduccións feitas responden a un obxectivo de aforro, “á finalidade de aforrar o máximo nestes tempos”. Asimesmo, o pleno da corporación tamén aprobou a subida do imposto de construcción e a actualización das tasas cun incremento equivalente ao do IPC. “Acordamos subir o IPC ás ordenanzas fiscais máis relevantes, tales como o lixo ou a auga”, destacou o rexedor. Xa por último, no pleno tamén se procedeu ao sorteo das mesas electorais.