A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, visitou o pasado venres 21 de outubro o Hospital Comarcal de Monforte de Lemos, para presidir os actos conmemorativos organizados para celebrar o XXV aniversario da posta en marcha deste centro hospitalario da área sanitaria sur da provincia de Lugo.
MÁIS DE 5.000 NACEMENTOS NO HOSPITAL
Durante a súa estadía en Monforte, Farjas lembrou a importancia que este hospital tivo, e ten, para o desenvolvemento económico da zona sur da provincia. Non en balde, este centro conta con preto de 500 traballadores, ademais dos empregos indirectos. Nestes 25 anos de funcionamento, no hospital rexistráronse máis de 100.000 ingresos, atendéronse máis de 400.000 urxencias, realizáronse máis de 1.600.000 consultas externas, leváronse a cabo 70.000 operacións cirúrxicas, e atendéronse máis de 5.000 nacementos.
6.000 MULLERES BENEFICIARANSE DO PROGRAMA DE CRIBADO DE CANCRO DE MAMA EN MONFORTE
Por outra banda, a conselleira de Sanidade ratificou a decidida aposta do seu departamento para facer posible a potenciación do Hospital de Monforte, “dotándoo dunha maior capacidade resolutiva, de total autonomía, e posibilitando a ampliación da súa carteira de servizos”. Finalmente, Farjas Abadía agradeceu o traballo desenvolvido ao longo destes 25 anos por todos os profesionais que pasaron por este centro, xa que “eles fixeron posible que o Hospital de Monforte sexa hoxe un dos referentes máis importantes da comarca”; e anunciou que o hospital comarcal terá o ano que ven unha unidade fixa para o programa de cribado de cancro de mama. Nesta unidade, segundo ela mesma explicou, “atenderanse a 6.000 mulleres que por encima dos 45 anos son beneficiadas por un programa que tan bos resultados está a ter en redución de mortes e diagnóstico precoz da enfermidade”. A posta en marcha desta unidade fixa en Monforte está prevista para o primeiro semestre do ano 2012.







