Área sanitaria: movemento cidadán e esixencia política para aclarar o futuro do hospital

O pasado venres 28 de outubro a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte organizou unha charla informativa para reclamarlle unha vez máis á Consellería de Sanidade a publicación do decreto de organización das novas áreas de xestión integrada. O acto tivo lugar no auditorio do Edificio Multiusos, espazo que rexistrou un cheo total como en poucas ocasións puido verse. Centos de persoas acudiron a esta convocatoria para escoitar as últimas novas en relación a este tema, que tanto os membros da Plataforma sanitaria como algúns médicos do hospital puxeron sobre a mesa. Nada máis comezar o acto, Maribel García, voceira da Plataforma e presentadora do acto, apuntou que “o multiusos non o enchen nin os mellores partidos. Despois do gran número de persoas que hai hoxe aquí reunidas, igual volve o presidente da Xunta a desmentir o que está pasando”. O auditorio do multiusos ten capacidade para preto de 500 persoas, e aínda así foron moitos os que tiveron que estar de pé e tamén quedarse fóra a escoitar a charla dende a entrada.

O público acudiu masivamente ao acto informativo convocado por PLADESAPU en Monforte dende todos os puntos da comarca. EC.

REPRESENTACIÓN POLÍTICA

Pola súa parte, tamén estaban convocados todos os alcaldes dos concellos pertencentes á área sanitaria, que contaban con asentos reservados en primeira fila. Sen embargo, o único que ocupou o seu sitio foi o de A Pobra do Brollón, José Luis Maceda, aínda que tamén estivo noutro lugar da sala o rexedor de Ribas do Sil, que non conseguiu acceder aos primeiros asentos por mor da cantidade de xente que se acumulou no salón de actos do Multiusos. “Estaban todos convidados a participar, ao igual que a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, pero como podedes ver, do Partido Popular non acudiu ninguén. Só contamos coa representación do Partido Socialista e do BNG”, indicou a voceira da Plataforma. Asimesmo, tampouco estivo presente o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, que non puido asistir debido a outros compromisos, pero que sí deixou unha carta para todos os asistentes. A encargada de darlle lectura foi a propia conductora do acto, e nela o rexedor monfortino deixou patente o seu apoio tanto á convocatoria como á defensa do Hospital Comarcal. “O meu posicionamento ao voso lado na loita do noso hospital é firme”, “hai pouco celebramos os 25 anos do hospital e agardamos cumprir outros 25 máis polo menos”, ou “debemos estar unidos na defensa da área sanitaria; o alcalde de Monforte está e estará sempre ao lado das persoas que defende o noso hospital”, foron algunhas das frases que Severino puxo de manifesto na súa carta, ademais de lembrar a Celestino Torres como responsable de que Monforte conte con centro hospitalario.

IMPLICACIÓN DO SECTOR SANITARIO

En canto aos especialistas que estaban citados para informar aos veciños, acudiron o xefe de traumatoloxía do centro, Carlos Otero; a doutora Alicia Cadarso; a especialista en endocrinoloxía Rosa Burgo, e o xefe do servizo de radioloxía José Antonio Lapeña. No seu discurso, Carlos Otero deu por sentado que a nova área integrada “suporá unha perda importante de capacidade de decisión para o hospital comarcal”, xa que pasará a un novo equipo directivo; e tamén asegurou que antes ou despois serán numerosos os servizos que se centralizarán en Lugo. En liñas xerais, a percepción de especialistas e convocantes foi a de que a reorganización perxudicará ao hospital monfortino e á súa autonomía. Finalmente, e tralo éxito de convocatoria, agora toca agardar aos novos movementos tanto da Plataforma como da Consellería de Sanidade.

OS ALCALDES DE MONFORTE, CHANTADSA, BROLLÓN E RIBAS DO SIL PIDEN UNHA REUNIÓN ENTRE A CONSELLEIRA DE SANIDADE E TODOS OS REXEDORES DA ZONA SUR DE LUGO

Criticados por algúns sectores coma o Partido Popular por realizar este movementos a poucos días das eleccións xerais, os alcaldes de Chantada, Manuel Lorenzo Varela (INTA), de A Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda (BNG), e o tenente de alcalde de Ribas do Sil, Roberto Castro (PSOE), foron os únicos representantes dos concellos da área sanitaria que asistiron á reunión convocada polo alcalde de Monforte, Severino Rodríguez (BNG), para falar da situación do Hospital Comarcal.

Os alcaldes de Chantada, Monforte, tenente de alcalde de Ribas do Sil e alcalde de Brollón. Foto: Conc. Monf.

“EXPLICACIÓN CONCRETA” DA CONSELLERÍA

O obxectivo da reunión, segundo indicaron dende o goberno local de Monforte, era “analizar a situación actual do Hospital e da área sanitaria, procurando a unión entre todos os alcaldes para solicitarlle á Consellaría de Sanidade unha explicación concreta que despexe o futuro do Hospital Comarcal”. Os asistentes á reunión coincidiron en sinalar que o Hospital Comarcal é un logro altamente beneficioso para a comarca, tanto polo servizo que presta á cidadanía como polo gran papel que xoga no eido do emprego.

“PREOCUPACIÓN DOS CIDADÁNS E SANITARIOS POLO FUTURO DO HOSPITAL”

Dende a alcaldía monfortina afirmaron que “os profesionais consultados e a propia cidadanía teñen amosado a súa preocupación polo futuro do Hospital”, motivo que considera “máis que suficiente para que os alcaldes non permanezamos alleos a esta situación”. Despois desta reunión, os alcaldes asistentes acordaron dirixir unha carta á Conselleira de Sanidade solicitando unha entrevista na que “explique persoalmente a todos os alcaldes a data de publicación do decreto que rexerá o futuro desta área sanitaria, e se este vai ter o mesmo contido ca o da provincia de Ourense”. Os rexedores municipais de Chantada, Ribas do Sil, A Pobra do Brollón e Monforte, consideran que “se debe buscar unha solución urxente a unha situación que nos importa a todos, e que se o decreto ten o mesmo contido que o da provincia de Ourense estaríase incumprindo a palabra do Presdiente da Xunta”, explicaron.

AUSENCIA DOS ALCALDES DO PP

Por outro lado, non faltou valoración para a ausencia nesta convocatoria de todos os alcades do PP pertencentes á área sanitaria de Lemos, feito que os catro mandatarios coincidiron en lamentar.

RESPOSTA DO PARTIDO POPULAR: O PP DI QUE NON PARTICIPARÁ EN NINGÚN ACTO QUE PRETENDA «CONFUNDIR»  SOBRE O FUTURO DO HOSPITAL

E dende o outro lado, o Partido Popular tampouco quixo manterse en silencio ante os actos que se están a suceder arredor da reclamación dunha área de xestión integrada na que Monforte se manteña independente de Lugo. Os populares afirmaron nun comunicado de prensa que a súa formación “non contribuirá a provocar inquedanzas innecesarias sobre un dos servizos públicos básicos para a poboación como é a sanidade, como sí están a facer reiteradamente outras forzas políticas e sindicais na área sanitaria de Monforte”. O PP manténse na defensa “da prestación dun servizo sanitario público e de calidade” e di que seguirá a traballar dende as responsabilidades que lle toca asumir en cada momento e institución partindo desa premisa, “unha liña na que está a actuar tamén a Xunta de Galicia a través da Consellaría de Sanidade”, apuntan. A ausencia dos representantes populares tanto na reunión informativa convocada pola plataforma e na que todos os alcaldes foron convidados de xeito expreso, e tamén na reunión organizada por Severino Rodríguez, explicaríase porque o PP “tras reiterar e reivindicar o desenvolvemento dun sistema sanitario público e de calidade”, asegurou que non participará en “ningunha actuación ou acto que sexa convocado dende institucións, formacións políticas, sindicais ou de calquera outra índole que, lonxe de loitar pola sanidade pública, o que pretenda sexa confundir e crear dúbidas e incertidume entre a cidadanía non só sobre o mantemento en Monforte da prestación e atención sanitaria senón sobre a calidade do servizo que se presta”, puntualizaron. Os populares dicen ser claros sobre este asunto, e acusan directamente a outras forzas políticas de retomar a táctica de polemizar sobre a sanidade, cando non hai ningún dato obxectivo que poña en dúbida nin a continuidade nin a calidade da prestación deste servizo. Por outro lado comentan que todo isto se fai “xusto cando se inicia unha nova campaña electoral co fin de sacar rédito electoral”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Premios por mercar en Chantada

Seguinte Nova

O fotógrafo de Brollón Jorge R.Lago rescata en imaxes o fin do rural

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss