A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou recentemente na constitución da Mesa Provincial de Comercio de Lugo, que agrupa a administracións públicas, asociacións de comerciantes e de consumidores e representantes de distintos concellos da provincia de Lugo.
COORDINACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓN, COMERCIANTES E CONSUMIDORES
A creación desta mesa realizouse en cumprimento da nova Lei que regula o comercio interior de Galicia e radica na necesidade “dunha coordinación entre a administración, os comerciantes e os consumidores no deseño e execución de políticas comerciais nestes concellos”, segundo indicou a delegada territorial. Raquel Arias participou como representante do Executivo galego na sesión constituínte desta mesa, na que tamén estivo representada a Deputación Provincial de Lugo, que debe coordinar a mesa, e participaron como vocais membros da Federación Galega de Comercio, da Federación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Avantar. Segundo informaron dende a delegación territorial da Xunta, os obxectivos das mesas locais do comercio céntranse en lograr un maior dinamismo e modernización do comercio, erixirse en foro de debate plural e eficaz, e actuar como órgano consultivo e de coordinación local para consensuar as políticas municipais para a promoción da actividade comercial.
COLABORACIÓN NA PROMOCIÓN DO COMERCIO, ENTRE OUTRAS FUNCIÓNS
Asimesmo, durante a constitución desta Mesa Provincial anunciáronse as funcións deste órgano, entre as que están a participación no deseño das campañas de promoción do comercio, a emisión de informe nas campañas que se financien con fondos públicos, e tamén informar, con carácter preceptivo, nas solicitudes presentadas polos comerciantes para a realización das feiras de oportunidades. Ademais, estas Mesas actuarán como órgano consultivo do concello en todas as cuestións que afecten o comercio retallista do municipio, e serán oídas na elaboración de plans de tráfico e ordenación urbana.
BENEFICIOS PARA O PEQUENO COMERCIO
Raquel Arias destacou que a través das mesas locais e provinciais de comercio “pretendemos que o sector sexa consciente de que mediante a unión de todos pódese negociar, por exemplo, créditos e tipos de interese cos bancos, ou tamén negociar as tarifas da luz, así como outras moitas cousas que poidan beneficiar ó pequeno comercio”.