A Xunta anunciou que a aprobación dos Plans de Zona Rural de Galicia permitirá destinar un total de 170 millóns de euros ao rural galego. Para o gabinete presidido por Núñez Feijóo trátase do último paso antes de asinar o convenio co Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, e para acceder ao cofinanciamento deses fondos entre 2012-2016.
DOCUMENTO “ESTRATÉXICO”
Alberto Núñez Feijóo destacou que a Xunta está a traballar con axilidade, pois hai uns meses aprobou as primeiras Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, un documento “estratéxico” para elaborar os Plans de Zona Rural. Nos últimos meses, concretou que “facendo un exercicio de coordinación interna e externa” se desenvolveron eses Plans de Zona poñendo de acordo sete consellerías para “organizar investimentos, priorizalos e someter os plans á avaliación ambiental estratéxica e poder remitilos ao órgano estatal correspondente”, que a semana pasada lles deu o visto e prace.
DIVISIÓN ZONAL EN LUGO
No tocante á coordinación externa, Feijóo salientou que os plans foron abertos á información pública e recibiron 1.200 suxestións. A partir de aí, destacou que Galicia queda dividida en 12 zonas rurais, que en Lugo serían As Mariñas, Lugo Central, Lugo Sur e Montaña lucense.
APOSTA POLO BENESTAR E O EMPREGO NO RURAL
O presidente galego anunciou que en vindeiras datas o Consello da Xunta aprobará achegar o 50% do investimento necesario para que as zonas rurais de Galicia accedan a un total de 170 millóns de euros entre 2012 e 2016. Ademais, Feijóo subliñou que aproximadamente a metade do investimento se dedicará a emprego e benestar nas zonas rurais. Concretamente o 19,97% do investimento destinarase a actividades económicas e emprego; o 34,72% a infraestruturas e equipamentos básicos; o 26,35% a servizos e benestar social; e o 18,96% a medio ambiente.