Máis de 92 millóns de euros, orzamento provincial para 2012

A renovación dos programas europeos e a súa correcta execución ano é a base dun orzamento provincial que supera lixeiramente ao de 2011. Un total de 25 millóns de euros serán os que invista a Deputación gracias aos programas con fondos comunitarios para materializar as súas propostas, encamiñadas fundamentalmente á fixación de poboación no rural a través do fomento da actividade económica neste ámbito. Os programas europeos renovados son os referidos ás novas tecnoloxías, os programas de economía medioambiental e a creación de emprego. Por unha banda, revalidarase o programa de administración electrónica, Innova-TE 2, con case 15 millóns de euros, que foi o cuarto que conseguiu máis financiamento en España. Co Innova-TE 1 ofreceuse aos Concellos, xa no pasado ano, recursos como o asesoramento, equipamento informático ou a banda longa nas casas consistoriais. Paralelamente, a Deputación seguirá a impulsar o programa de economía medioambiental “Lugo2”, superará os 6,5 millóns e nun terceiro ámbito, o de creación de emprego, denominado Pacto provincial polo emprego 2, que en 2012 contará con 3,5 millóns que irán destinados á formación de 1.200 desempregados. En total, serán 17.781.162 euros os correspondentes á subvención europea, e o restante (ata 25 millóns), á parte proporcional que aportará a Deputación para executar durante 3 anos.

Gómez Besteiro, terceiro pola esquerda, acompañado dos parlamentarios socialistas lucenses, Concepción Burgo, Ricardo Varela e Sonia Verdes Gil. GPDL.

RECORTES NO GASTO CORRENTE E EQUILIBRIO ORZAMENTARIO

Todo isto foi exposto polo presidente da Deputación Provincial, Jose Ramón Gómez Besteiro, o pasado xoves no Parlamento de Galicia. Ademais do presuposto da propia Deputación, o orzamento consolidado constará do correspondente ó Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico (INLUDES), con 8 millóns, e a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), con 7 millóns. Gómez Besteiro explicou que o presuposto da Deputación reduce en 2 millóns o gasto corrente, principalmente no capítulo de persoal, que baixa nun 13%. Os gastos de persoal pasan de 1.863.000 a 1.590.000 euros. Segundo os datos proporcionados pola Deputación, os asesores reduciríanse con respecto ao pasado mandato nun 20%, aínda que os dependentes de Presidencia baixaron máis, nun 30%. En canto á partida para o funcionamento da corporación provincial, aplícase un recorte do 25%. Neste senso, os soldos do Presidente e do equipo de goberno están conxelados dende o 2010, antes da entrada en vigor do Real Decreto de Redución do Déficit Público. A débeda tamén rexistra unha importante baixada, ao amortizarse 4,6 millóns, cumpríndose de novo coa estabilidade económica financeira, e atribuíble ao plan aprobado hai agora tres anos co fin de equilibrar as contas, e que convertía á de Lugo na primeira Deputación galega en facelo. En canto aos ingresos, a Deputación, segundo incidiu o Presidente, mantén as achegas dos ingresos do Estado, pero ten que devolver a liquidación definitiva dos ingresos do 2009, que sumarán 5,8 millóns de euros no 2012.

OBXECTIVOS: RESIDENCIAS, CENTRO DE RECRÍA E MANTEMENTO DOS PARQUES DE BOMBEIROS

O obxectivo de Besteiro é que as contas, que contemplan partidas para executar a rede provincial de residencias e o centro de recría, “dous proxectos que inciden directamente no asentamento demográfico”, se aproben neste mes e entren en vigor o 1 de xaneiro. A construción dunha rede de 12 residencias da terceira idade con centros de día en varios concellos da provincia, e a subvención do proxecto técnico para o xeriátrico de Becerreá e as obras de remate da residencia de Monterroso require de 15 millóns de euros e implicará a creación de 500 prazas coa xeración, segundo destacou Besteiro, de “ducias de postos de traballo”. Neste punto, Gómez Besteiro fixo un chamamento á Xunta, “que está retrasando a execución das residencias”, para que a Administración autonómica concerte prazas, “como fai ata cos centros privados, cumprindo non só coa súa obriga competencial, senón co seu compromiso político antes das eleccións”.

A construcción na Granxa Gayoso Castro, o primeiro centro público de recría de gando en España, do que se está a levantar a primeira fase que implica máis dun 50% do total, suma case 6 millóns de euros financiados con fondos propios. Con capacidade para 3000 novillas supón, segundo destacou Gómez Besteiro, unha das máis fortes apostas polo campo nos últimos tempos, e destinado a aforrar importantes custes aos gandeiros obrigados a recriar fóra da comunidade. Por outro lado, a Deputación fai unha previsión económica de máis de 2,4 millóns de euros no orzamento 2012 para a rede de parques de bombeiros comarcais, posta en marcha este ano e co financiada pola Xunta.

RECLAMACIÓNS ANTE A XUNTA

Durante a súa comparecencia no Parlamento, o presidente provincial reivindicou, ademais da transferencia de estradas impropias -no orzamento resérvanse 11 millóns de euros para manter a rede provincial de estradas máis extensa de toda España, con 4.200 quilómetros- “un pacto de país no que as diferentes forzas políticas e institucionais definamos dunha vez por todas o noso papel, as liñas mestras da reordenación do sistema de competencias locais, acompañada, esta vez si, do financiamento local axeitado”. Gómez Besteiro fixo referencia a un novo modelo económico baseado na conciencia e na autoestima, e na necesidade de “repensar Galicia” para afrontar o problema do despoboamento e o equilibro territorial. Neste senso, puxo como exemplo as accións acometidas pola Deputación coa creación dunha área propia de goberno neste asunto, abríndoo nun foro ó debate público e institucional onde, quixo lembrar, “a Xunta foi a única administración que declinou participar”.

PREOCUPACIÓN MUNICIPAL POLOS RECORTES DA XUNTA NAS PARTIDAS PARA A ATENCIÓN SOCIAL NOS CONCELLOS

A Deputación asesorará xuridicamente ós Concellos da provincia para que recurran perante o xulgado o “drástico” recorte que a Xunta vén de aplicar na atención social, “incumprindo así as bases establecidas nos programas de 2011 de atención a persoas maiores, inmigrantes e minorías”, segundo consideran dende o bipartito provincial. Ademais, o equipo de goberno da Deputación esixe á Xunta que revise as axudas incluídas nesta iniciativa. A través da Área de Cooperación cos Concellos remitirán unha carta a todas as entidades locais que decidan sumarse á iniciativa, facilitándolles os medios necesarios. O deputado provincial Manuel Martínez subliñou que esta decisión da administración autonómica retrotraerá á provincia “á época da beneficencia”, xa que a media dos recortes para os Concellos se situaría, segundo fontes da Deputación, no 80%, o que dificulta que as entidades locais recuperen os cartos que adiantaron para a posta en marcha do programa de atención social. Martínez subliñou que esta medida se fixo, ademais, sen contar coa poio da FEGAMP. Por outra parte afirman que o Partido Popular, “a parte de asfixiar economicamente aos Concellos e deixalos nunha situación moi difícil a final de ano, minte, terxiversa e manipula dicindo que o recorte só é do 5%”.

A DEPUTACIÓN MANTERÁ A AXUDA A DOMICILIO

Pola súa parte, o deputado nacionalista Antonio Veiga subliñou que a Xunta ataca ó emprego feminino con estes recortes, e afirmou que a Deputación manterá a súa partida para a axuda a domicilio.

ALARMA NAS COMARCAS DE LEMOS E CHANTADA POLOS “DRÁSTICOS” RECORTES AUTONÓMICOS

Dende a zona sur de Lugo, o alcalde de A Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda, foi un dos primeiros en amosar o seu malestar polas políticas sociais da Xunta e os recortes en canto ás prestacións do servizo de axuda no fogar. Segundo Maceda, trátase dunha reducción «drástica e significativa» que suporá “unha diminución no número de veciños que poidan acceder á prestación e un empeoramento da calidade do servizo ás persoas que poidan seguir percibíndoo”. Maceda acusa ao presidente da Xunta de non contar a verdade cando asegura en público que non haberá recortes nos servizos sociais, e advirte que medidas como esta axudan a asfixiar máis as economías locais. Ademais, o Consello Comarcal do BNG tamén se puxo mans á obra a través dun acordo que chama a atención da administración autonómica sobre estes recortes para as políticas de atención social dende os concellos, xa que consideran que está en perigo a pervivencia de moitos servizos de xeito inmediato. No caso de Monforte, por exemplo, as partidas destinadas á axuda domiciliaria dende a Xunta terían caído este ano nun 46%, segundo a responsable comarcal do BNG, Alicia Cadarso. Os nacionalistas da zona sur anunciaron que se convocaría a todos os alcaldes da área co fin de tratar este asunto máis aló das cores políticas. En Chantada, o voceiro municipal desta formación, Ildefonso Piñeiro, xa ten solicitado un pleno extraordinario por mor deste asunto. Segundo os datos facilitados polo que fora tenente de alcalde durante o pasado mandato, o Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais, cuxa resolución chegou nos pasados días ao Concello de Chantada, implica “un recorte drástico e inxustificado nas achegas da Xunta relativas aos gastos anteriores”. No ano 2010 por este concepto o Concello recibiu a cantidade de 35.760,24 euros, mentres que para este ano 2011 só se van a dispoñer de 9.057,25 euros, 26.703 euros de diferenza, segundo os datos aportados.

PREOCUPACIÓN CIDADÁ E SOLICITUDE DE “AUSTERIDADE” NO SAVIÑAO PARA MANTER AS POLÍTICAS SOCIAIS

Dende outros ámbitos coma o cidadá, a Asociación Veciñal do Saviñao, diante das medidas de reducción e recorte por parte da Xunta de cara aos concellos na asistencia domiciliaria, solicitou que “haberá que renegar das catro dedicacións exclusivas impostas este ano na corporación do Saviñao e adoptar medidas realistas”. A asociación xa leva tempo denunciando continuos recortes en gasto público e social neste municipio, e “agora co recorte na imprescindible asistencia a domicilio dos incapacitados” -que neste concello se cifran nunhas 200 persoas, segundo os datos da asociación-, o colectivo solicita ao goberno local que se adecúen os presupostos á realidade cun Plan de Austeridade Municipal e coa consecución de prazas concertadas na residencia de Escairón.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O fotógrafo de Brollón Jorge R.Lago rescata en imaxes o fin do rural

Seguinte Nova

Presentado o XL Nadal de Begonte, un dos maiores atractivos da provincia da tempada

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

CENTRO DE FORMACIÓN AUDIOVISUAL

Publicidade O Centro de Formación Audiovisual do SdeA da Deputación de Lugo imparte formación regrada e non regrada relacionada co eido audiovisual
Ir aInicio

Don't Miss