Monforte impulsa o seu pasado sefardí como recurso para o turismo cultural

A cidade do Cabe acolleu unha xornada sobre a pegada xudea na vila

As vilas de Monforte de Lemos e Ribadavia reflexionaron sobre a presencia dos xudeus en Galicia a través dun curso que se desenvolvou a finais do pasado mes de outubro. Esta actividade tivo como obxectivo destacar o papel da presenza hebrea na historia de Galicia, achegar aos participantes á recuperación do patrimonio cultural xudeu e potenciar a formación para promocionar o turismo foráneo interesado no legado hebraico. A sesión emplazada en Monforte desenvolveuse o venres 28 de outubro no Centro do Viño, onde participaron Felipe Aira Pardo, investigador monfortino de historia local, que falou sobre o legado da familia xudea Gaibor; Alfredo Asaf Fernández Pino, Presidente da Comunidade Xudea B’nei Israel de Galicia, que disertou sobre as tradicións culinarias da comunidade sefardita; Anselmo López Carreira, Profesor Titor Historia Medieval da UNED en Ourense, que falou sobre as principais xuderías de Galicia. Pola tarde, tivo lugar unha visita guiada ao barrio xudeu de Monforte. Este curso contou con nutrida presencia de particulares e profesionais, con especial afluencia de guías turísticos participantes neste evento organizado pola UNED de Ourense, en colaboración cos concellos de Ribadavia e Monforte, a Fundación Festa da Historia, o Centro de Estudios Medievais de Ribadavia, o C.R.D.O. Ribeira Sacra e do Ribeiro, e a Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta.

A concelleira de Promoción Económica, MªXosé Vega, e o investigador local Felipe Aira Pardo, nun momento do curso. EC

“ZONA DE ÁMBITO XUDEU” EN MONFORTE

A presenza de poboación xudea en Monforte tense recollida en diversas mencións de historiadores locais e rexionais, pero foi o traballo do investigador monfortino Felipe Aira Pardo o que deu testemuña do detalle desta poboación na vila do Cabe. A importancia deste traballo de investigación quedou demostrada cando Monforte de Lemos quixo adherirse á Rede de Xuderías de España, un grupo selecto de cidades que acreditan un pasado xudeu. Esta asociación esixe como requisito vinculante a presentación dun traballo histórico que demostre dito pasado, cometido que cumpliu o estudo realizado por Felipe Aira Pardo durante varios anos de traballo e pescudas en arquivos como o Histórico Nacional, a Real Chancillería de Valladolid, o Archivo Diocesano de Lugo, o Histórico Provincial, o Arquivo do Reino de Galicia, así como outros arquivos particulares. Nas súas investigacións, Aira Pardo determinou unha “zona de ámbito xudeu”, é dicir, un conxunto de rúas onde está documentada a presenza de varias familias xudeas ata a expulsión do 1492. Esta “zona de ámbito xudeu” abarcaría a Rúa Nova, Ferreiros, a praza do Azogue, Pescaderías, Zapatería, Falagueira e praza do Mercado. Asimesmo, Aira Pardo vincula algunha das lendas ubicadas en Monforte, como a da Colada ou a do Cristo dos Azotes, e a persoeiros xudeus.

A finais de outubro realizouse a colocación de placas identificativas nas rúas que conforman a zona de ámbito xudeu no casco histórico da cidade. Monforte contará cun total de dez placas que inclúen o trazo da Rede de Xuderías de España. EC

APROVEITAMENTO TURÍSTICO

Aira Pardo destaca que o traballo sobre a herdanza xudea pode ser moi interesante para a vila do Cabe, que xa leva un tempo traballando “intensamente” con Ribadavia, dada a súa proximidade e a súa antigüidade como membro da Rede de Xuderías de España, feito que, según Felipe Aira, “tenlle compensado moito a Ribadavia”. Entre os proxectos que están a artellar xuntas estas dúas vilas está o turismo vinculado ao viño e a viaxes de grupos israelitas procedentes do aeroporto de Oporto. “Temos fondo, pero hay que seguir traballando”, comenta Aira Pardo ao analizar as posibilidades da posta en valor deste patrimonio xudeu en Monforte.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Novembro, unha nova chamada contra a violencia de xénero

Seguinte Nova

Eleccións Xerais 20-N: as imaxes da campaña no sur de Lugo

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: