O fotógrafo de Brollón Jorge R.Lago rescata en imaxes o fin do rural

Vostede vén de amosar en A Pobra do Brollón a súa exposición fotográfica titulada “Lembranzas”. ¿Cómo xurdiu a idea para realizar este traballo? ¿Cal é a liña temática que aglutinou esta mostra?

A idea desta reportaxe surxe pouco a pouco, cando ía de visita a Pradelas a ver os avós, levaba comigo a cámara e daba unhas voltas sen rumbo fixo. Un día decidín ir ao pobo onde viviron meus avós moitos anos atrás, Teixeira. Xa estivera alí antes, pero foi esta vez cando, percorrendo as súas rúas e as súas casas xa sen vida, o vin claro. De neno, recordo ver no comedor dos meus avós un poema enmarcado na parede. Por aquel entonces non entendía demasiado o que aqueles versos dicían. Hoxe, eses versos son o guión da reportaxe: “Todo se queda en el tiempo,/ también los santos tienen historia”, que é o título do poema da miña tía Perpetua que inspirou e deu forma ao guión desta reportaxe.

O tratamento fotográfico do despoboamento do mundo rural pode ofrecer moitos ángulos. ¿Que aspectos desta realidade atopou máis suxerentes á hora de captalos en imaxes?

Sen dúbida, a forte sensación melancólica que transmite un fogar abandonado. Dende que teño memoria, Teixeira sempre estivo abandonada, meus avós deixárona atrás para establecerse noutro pobo, Pradelas, onde a día de hoxe viven eles dous sós. Alí, sentado nas escaleiras da casa que foi dos meus avós, baixo unha data escrita nunha viga de madeira, que di: “1942”, véñenseme á cabeza os versos da miña tía: “Tus pueblos no tienen niños/ ya no tienen alegría / no se oyen cantos, ni juegos ni risas”. Suxestionado polo lugar e ese precioso poema, o obxetivo da cámara dirixiuse á parte humana que xa non está. Os vestixios das persoas que fixeron a súa vida alí, e un día tiveron que marchar.

“Algo moi suxerente foi a forte sensación melancólica que transmite un fogar abandonado”. FOTO: JORGE R.LAGO

¿Cal é o papel da paisaxe, tanto a paisaxe natural como a referida aos obxectos, na mostra “Lembranzas”? ¿Gaña protagonismo ao diminuir o número de persoas que o habitan, ou tamén percibe nel a decadencia xeral?

Un día oín unha frase nunha película que se me quedou gabada: “La vida se abre camino”. Isto é o que sucede cando a man do home deixa de conter a natureza, esta retoma o seu camiño orixinal e tende a reclamar o espazo que, por dereito, lle pertence. Alí onde había un camiño, hoxe hai unha silveira, e de entre as vigas de madeira podre, nace vida.

¿Definiría o seu traballo en “Lembranzas” como fotografia social, testemuña dun cambio sustancial na sociedade galega?

Gústame ver a reportaxe coma unha homenaxe aos meus avós e á miña familia, ao vivido e ao que queda por vivir. É certo que reflexa un cambio importante na sociedade galega, meus avós resisten ese cambio dende fai xa moito tempo. A meu avó non lle podes quitar nin a súa tranquilidade ni os seus montes. É evidente que existe un cambio cando os pobos quédanse desertos mentres as cidades crecen sen control. Eu non sabería dicir se para ben ou para mal, pero si creo que o rumbo que tomamos non é de todo correcto. De tódalas formas, eu só vivín unha vida na cidade, na que actualmente resido. Son as persoas coma meu pai e meu tío, os que viviron os dous mundos, os que deben opinar sobre isto.

Durante o proceso de elaboración das fotografías, ¿que momento ou detalle destacaría? ¿Como afrontou a súa tarefa como fotógrafo diante desta realidade, ao estar vinculado familiarmente con esta zona?

O máis difícil de toda a reportaxe foron, sen dúbida, as fotos dos meus avós. Eles son bastante reacios ás fotos, e supuña un reto poder facelo o mellor posible. Debido a isto, durante un tempo pensei en centrar a reportaxe simplemente nos pobos, xa que sentíame bastante mal tratando de convencelos. Pero eles tiñan que saír, eles son a miña aldea. Con paciencia foron aceptando a cámara e a manía do seu neto de saír por sorpresa tralos arbustos… Despois da exposición en A Pobra do Brollón quedaron contentos ca reportaxe. n momento a destacar foi cando saquei os seus retratos, na cociña cunhas condicións de luz moi malas e ao vó. Convencín á miña avoa para que posase para min, e cando se arranxaba o pelo para saír guapa na foto posada, tirei unha das fotos que máis me gusta de todas. Miña avoa Elvira preparándose para a foto.

A mostra do fotógrafo Jorge R. Lago recolle o espíritu do rural que está a desaparecer, a través da figura dos seus avós, que deixaron hai anos Teixeira para instalarse en Pradelas. Hoxe son os últimos habitantes desta aldea de A Pobra do Brollón. “Miña avoa Elvira preparándose para a foto”. FOTO: JORGE R.LAGO

¿Que cre que aporta esta exposición? ¿Cómo pode definir a mensaxe que destila este traballo fotográfico?

A exposición, como dixen un pouco máis arriba, pretende ser unha homenaxe aos meus avós e á familia. Coa escusa da exposición, miña tía Perpetua e seus fillos viñeron dende Bilbao para xuntarse coa familia. Esta foi unha das cousas máis importantes de todo este traballo. Coma mensaxe, sería o cariño. O cariño por unha familia, o cariño por unhas raíces, o cariño a unha terra e os seus pobos, o cariño a Galicia, posto que meus avós son Galicia.•

O autor cos seus avós, últimos habitantes da aldea de Pradelas, en A Pobra do Brollón, que inspiraron o seu traballo fotográfico. FOTO: Arquivo JORGE R.LAGO

INICIATIVA CIDADÁN PARA SENSIBILIZAR Á SOCIEDADE

A exposición “Lembranzas”, composta por 34 fotografías en blanco e negro, puido verse en A Pobra do Brollón durante a primeira quincena de novembro. Jorge R. Lago, fotógrafo nado en Vigo pero con raíces en Pradelas (Brollón), entende este traballo coma unha “homenaxe” aos seus avós e á súa familia.

Lago ven de participar na pasada edición do Outono Fotográfico de Ourense cunha exposición sobre o río Sil da man do colectivo cidadán Anacos da Cidade, liderado por Miguel Doval. Lago agradece o apoio deste colectivo para a organización da mostra “Lembranzas”, e sobre todo do seu presidente, xa que “sen Miguel esto non sería posible”. Traballan agora para levar “Lembranzas” á cidade de Ourense, e non descartan contar con máis vilas que acollan este testemuño fotográfico do final dunha época. A sensibilización social é un dos obxectivos que veñen de inspirar ao colectivo ourensán Anacos da Cidade dende a súa constitución no ano 2003. Como recoñece Miguel Doval, a mostra “Lembranzas” é a terceira iniciativa deste colectivo no sur de Lugo, xa que “antes participamos nas reivindicacións colectivas pola defensa da Ribeira Sacra e contra a desfeita que está a levar a cabo Iberdrola no encoro de Sto. Estevo, e tamén fixemos outra mostra fotográfica, titulada “Galicia ao través dunha xanela”, un percorrido por Quiroga, O Courel, O Cebreiro, ata Navia de Suarna, volvendo por Becerreá, A Pobra do Brollón, Monforte e Ferreira de Pantón, de xeito que máis de 60 aldeas foron representadas nesta mostra”. Ademáis de pola calidade técnica do seu traballo, Jorge R.Lago recibiu o apoio do colectivo Anacos da Cidade “por ser unha homenaxe aos seus avós, e tamén un chamento case angustioso polo abandono das aldeas e, finalmente, polo o cariño e tenrura que transmitían esas dúas persoas tan maiores que levan tantos anos vivindo soas en Pradelas”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Área sanitaria: movemento cidadán e esixencia política para aclarar o futuro do hospital

Seguinte Nova

Máis de 92 millóns de euros, orzamento provincial para 2012

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: