Os parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro, Vilalba, Sarria e Chantada realizaron un total de 275 intervencións na provincia dende a súa posta en marcha o 1 de maio. Segundo reflicte o último informe de actuación, os 5 complexos impulsados polo Consorcio Provincial de Bombeiros, organismo formado en 2008 á proposta desta Deputación e a anterior Xunta de Galicia, atenderon en outubro 58 emerxencias. Deste xeito, durante o pasado mes, os 100 profesionais contratados nos parques actuaron en 45 incendios. Os bombeiros tamén levaron a cabo en outubro cinco excarcelacións, tres rescates de persoas, así como outras cinco actuacións de prevención tales como limpeza de estradas. En Chantada houbo dez intervencións das que nove foron incendios forestais con vivendas afectadas en Chantada, Carballedo Guntín, Taboada e O Saviñao. A outra actuación correspondeu a unha intervención destinada á prevención no Concello de Carballedo. Pola súa banda, o parque comarcal de Sarria rexistrou outras dez intervencións, que foron seis incendios, catro deles en Sarria, e os outros en Baralla e Ribeira de Piquín; unha excarcelación nas Nogais; un rescate de persoas en Sarria e dúas actuacións de prevencións tamén en Sarria. En canto aos demais parques provinciais de caracter comarcal, Barreiros rexistrou catorce intervencións; Viveiro tivo seis intervencións e Vilalba dezaoito.
CUBERTO O 90% DA PROVINCIA
As cinco instalacións prestan cobertura no 90% do territorio lugués, poñendo fin á discriminación que durante décadas sufría Lugo, a única provincia galega sen este servizo. Na actualidade, estase a tramitar a incorporación do parque monfortino das Lamas ao Consorcio.