O pasado 1 de novembro foi posto en marcha o Plan de Viabilidade Invernal, que ata o 30 de abril tratará de reforzar a seguridade viaria das estradas lucenses de titularidade autonómica fronte ás inclemencias climatolóxicas propias do inverno, mediante a retirada da neve ou a distribución de sal cando as condicións así o requiren. No arranque deste Plan, a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, supervisou as dotacións de medios dispostos para este operativo.
CINCO NOVOS QUITANEVES
Segundo anunciou Arias, este plan, impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, vese beneficiado por un incremento de medios mecánicos e físicos para a presente campaña con relación a anos precedentes. Así, cinco novas máquinas quitaneve súmanse as 13 xa existentes, estando catro delas dotadas de esparexedores de salmuera, un fundente líquido constituído por unha solución salina que ofrece mellores resultados para actuar na prevención da formación de placas de xeo, sendo tamén máis respectuoso co medio ambiente.
CATRO NOVAS PLANTAS DE SALMUERA, MÁIS ECOLÓXICA
Dende a delegación territorial da Xunta en Lugo destacaron que se están a incorporar catro plantas para a fabricación e abastecemento de salmuera cara o operativo do Plan de Vialidade Invernal. Así mesmo, mantéñense os 11 silos de sal distribuídos estratéxicamente pola xeografía da provincia, de xeito que o operativo autonómico para a provincia conte cun total de 15 depósitos dos distintos produtos empregados para manter a vialidade na rede de estradas. O silos de sal están situados no Corgo, Pedrafita, Xermade, A Pastoriza, Quiroga, Begonte, Castroverde, Chantada, O Incio, e dous na Fonsagrada. Con este reparto, dende a Xunta pretenden gañar en operatividade, chegando canto antes aos puntos que presenten algunha dificultade para o tráfico, pero tamén procurar a eficiente distribución do material.
INVESTIMENTO E CIFRAS
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estima que será preciso investir preto de 350.000 euros tan só no abastecemento da sal, máis 619.000 euros de custo do servizo contratado.Este plan alcanza á totalidade da rede viaria da Xunta na provincia, cun total de 1.500 quilómetros, e implica a arredor de 70 traballadores. Dúas empresas cobren este servizo, incluído nos respectivos contratos de conservación integral. A efectos de contratar este servizo, a rede de estradas provinciais dividiuse en dúas áreas, norte e sur, pola estrada N-VI entre Guitiriz e Lugo, e a estrada de Fonsagrada dende a capital ao límite da provincia.