O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, entrevistouse recentemente en Santiago de Compostela co Director Xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, co fin de tratar a idea de implantar un Centro de Iniciativas Empresariais na cidade do Cabe.
XESTIÓNS DENDE O ANTERIOR MANDATO MUNICIPAL
Rodríguez solicitara esta entrevista á conselleira de Traballo, Beatriz Mato, xa o pasado mes de agosto. O rexedor local monfortino viña de realizar durante o anterior mandato unha serie de xestións con responsables de ADIF co obxecto de lograr a cesión á entidade municipal dun edificio propiedade deste organismo, actualmente en desuso, e situado nas proximidades da estación monfortina. Agora trataríase de acondicionar ese inmoble para convertelo nese Centro de Iniciativas Empresariais, onde promover e orientar todo tipo de movementos encamiñados á creación de emprego e á constitución de novas empresas na zona.
BASE E FORMACIÓN PARA EMPRENDEDORES
O Centro de Iniciativas Empresarias de Monforte constituiríase coma unha especie de viveiro de empresas que ofrecería aos novos emprendedores un local onde poñer en marcha os seus proxectos, ao tempo que albergaría aulas para a realización de cursos de formación relacionados co mundo da empresa, e oficinas onde persoal cualificado orientaría aos potenciais empresarios en todo o relacionado con subvencións, trámites administrativos e mercados para os seus produtos.
PETICIÓN DE COLABORACIÓN Á XUNTA
O alcalde presentoulle a Andrés Hermida un anteproxecto do Centro de Iniciativas Empresariais, procurando que a Xunta de Galicia colabore nas obras de adecuación do edificio para este fin e na posta en marcha dun proxecto que dende o goberno local consideran de vital importacia para o emprego na comarca de Lemos. O delegado da Confederación de Empresarios de Lugo na comarca de Lemos, Antonio Rodríguez, acompañou ao mandatario local a este encontro en Compostela. O Director Xeral de Promoción do Emprego propúxolle ó alcalde e ó delegado da CEL que a reforma do edificio, para adaptalo ás novas necesidades, se levará a cabo a través da posta en marcha dunha escola obradoiro ou dun obradoiro de emprego xa que, segundo considerou, o financiamento directo deste proxecto sería moi complicado debido á actual crise económica. Por outra banda, Andrés Hermida solicitoulle ó alcalde que o Concello e os empresarios levaran a cabo unha adaptación do anteproxecto ás necesidades reais da comarca de Lemos.
PRÓXIMAS XESTIÓNS
Pasadas as eleccións xerais do 20 de novembro, Severino Rodríguez reunirase cos empresarios, que xa son coñecedores do anteproxecto, coa finalidade de darlle ó mesmo unha dimensión real e axustada ás necesidades da comarca. O seguinte paso que dará o Concello será solicitar un obradoiro de emprego que se encargue da execución das obras necesarias para transformar e adecuar o actual edificio ás necesidades dun Centro de Iniciativas Empresariais. As previsións da Xunta de Galicia son que a convocatoria para solicitar novos obradoiros se leve a cabo nos meses de decembro e xaneiro.