Informático e humorista, Víctor Grande levou a cabo en Chantada un entretido monólogo co fin de promover o uso das tecnoloxías da información e comunicación (TIC) entre o conxunto da poboación. AS TIC NO RURAL A Deputación de Lugo foi a impulsora desta actividade, enmarcada no Programa Partnet TIC que incide na universalización das novas posibilidade, sobre todo no mundo rural. Xa o fixera en Abadín, e agora tocoulle a Chantada e o telecentro foi o lugar escollido para esta animada charla. O monologuista basea a súa actuación en explicar de xeito sinxelo e ameno o funcionamento de tres aplicacións on line destinadas a axilizar a comunicación entre a cidadanía e a administración local, promovendo a participación veciñal na esfera dos asuntos públicos e a mellora dos servizos, entre eles os municipais. O sistema de Geoinformación, Incidencias e Avisos (SISGEO) que permite a través da web comunicar incidencias na vía pública, consultar avisos e eventos, ou solicitar a recollida de residuos na súa localidade; o Sistema de Consultas Electrónicas (SISCOM) a través do que os Concellos poden someter asuntos á consulta da cidadanía; así como o chamado Sistema de Mensaxería Electrónica (SISMS) deseñado para axilizar a comunicación da cidadanía coa Administración local en relación cos servizos que presta, con avisos ao teléfono móbil ou o correo electrónico, e tamén enviar mensaxes a través destes mesmos medios, son as ferramentas dadas a coñecer. O monologuista considera que mesturar o humor coas novas tecnoloxías é un xeito de que as charlas se entendan moito mellor fuxindo dos tecnicismos “para achegar ese novo mundo ao contorno rural”.
O informático indicou, ademais, que as ferramentas que se expuxeron son “ferramentas moi intuitivas e sinxelas” que están encamiñadas fundamentalmente a que a cidadanía fale coas institucións, especialmente co Concello, dunha forma moi sinxela e directa para expoñerlle demandas e opinións por exemplo. E tamén para establecer unha comunicación en sentido inverso dende as administacións locais cara os cidadáns.