Os rapaces, destinatarios das accións sensibilizadoras
Cun contacontos levado ao instituto e ao colexio de Quiroga, as traballadoras do CIM deste municipio quixeron achegar aos máis pequenos a concienciación sobre a non violencia, e concretamente a educación en valores que rexeiten a violencia de xénero. A temática educativa foi a “igualdade como piar fundamental para evitar a violencia contra as mulleres”. Tamén aquí, igual que nos concellos de Monforte e Sarria, estiveron expostos os traballos plásticos dos máis pequenos, expresándose contra a violencia.
PARTICIPARON MÁIS DE 30 RAPACES
Pero, sen dúbida, os actos centrais para conmemorar o 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero, concentráronse nesa mesma xornada en todas as capitais das comarcas do sur de Lugo. No caso de Quiroga fíxose unha homenaxe a todas as vítimas da violencia machista coa simbólica plantación dunha magnolia no xardín do CEIP, nun acto aberto a toda a poboación do municipio. En Monforte, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero serviu como colofón a unha serie de actividades que se viñan programando dende o CIM e a concellería de Igualdade. Na praza de España reuníronse os alumnos dos centros de ensino da cidade ao tempo que a cidadanía en xeral, e deuse lectura a diversos poemas, un manifesto con ideas contra o silenciamento social nos casos de violencia, entre outros puntos. Xa pola tarde houbo un visionado de curtametraxes e un encontro de profesionais deste ámbito.
Considerar aos menores como vítimas da violencia na familia
O Grupo Municipal do PP de Monforte levará ao Pleno de decembro unha moción na que pide que se inste aos gobernos autonómico e estatal que extendan a LO 1/2004, aos menores como vítimas desta violencia, por seren receptores ou testemuñas. Segundo lembraron os populares monfortinos, son numerosos os estudos que poñen de manifesto que os rapaces que viven a violencia de xénero dentro da súa estrutura familiar padecen consecuencias negativas tanto no seu desenvolvemento físico como psicolóxico ou emocional a curto e longo prazo, polo que deberían ser considerados vítimas directas ao sufrir dramáticas consecuencias. Por outro lado, solicitan que se profundice en todo tipo de actuacións que axuden a rematar con estas situacións, incluídas as dirixidas á sensibilización e as establecidas pola lei tamén no ámbito educativo.