A comarca, contra a violencia de xénero

Os rapaces, destinatarios das accións sensibilizadoras

O CIM de Quiroga organizou un contacontos educativo e levouno aos centros de ensino da vila CIM

Cun contacontos levado ao instituto e ao colexio de Quiroga, as traballadoras do CIM deste municipio quixeron achegar aos máis pequenos a concienciación sobre a non violencia, e concretamente a educación en valores que rexeiten a violencia de xénero. A temática educativa foi a “igualdade como piar fundamental para evitar a violencia contra as mulleres”. Tamén aquí, igual que nos concellos de Monforte e Sarria, estiveron expostos os traballos plásticos dos máis pequenos, expresándose contra a violencia.

PARTICIPARON MÁIS DE 30 RAPACES

Pero, sen dúbida, os actos centrais para conmemorar o 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero, concentráronse nesa mesma xornada en todas as capitais das comarcas do sur de Lugo. No caso de Quiroga fíxose unha homenaxe a todas as vítimas da violencia machista coa simbólica plantación dunha magnolia no xardín do CEIP, nun acto aberto a toda a poboación do municipio. En Monforte, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero serviu como colofón a unha serie de actividades que se viñan programando dende o CIM e a concellería de Igualdade. Na praza de España reuníronse os alumnos dos centros de ensino da cidade ao tempo que a cidadanía en xeral, e deuse lectura a diversos poemas, un manifesto con ideas contra o silenciamento social nos casos de violencia, entre outros puntos. Xa pola tarde houbo un visionado de curtametraxes e un encontro de profesionais deste ámbito.

Os escolares monfortinos nos actos do día 25 de Novembro. Conc. Monf.

Considerar aos menores como vítimas da violencia na familia

O Grupo Municipal do PP de Monforte levará ao Pleno de decembro unha moción na que pide que se inste aos gobernos autonómico e estatal que extendan a LO 1/2004, aos menores como vítimas desta violencia, por seren receptores ou testemuñas. Segundo lembraron os populares monfortinos, son numerosos os estudos que poñen de manifesto que os rapaces que viven a violencia de xénero dentro da súa estrutura familiar padecen consecuencias negativas tanto no seu desenvolvemento físico como psicolóxico ou emocional a curto e longo prazo, polo que deberían ser considerados vítimas directas ao sufrir dramáticas consecuencias. Por outro lado, solicitan que se profundice en todo tipo de actuacións que axuden a rematar con estas situacións, incluídas as dirixidas á sensibilización e as establecidas pola lei tamén no ámbito educativo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Jesús R. Montero expón as imaxes da paisaxe ferroviaria de Monforte

Seguinte Nova

Orzamento provincial 2012: novas tecnoloxías, medioambiente, servizos sociais e gandeiría

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: