As Xornadas de Outono organizadas recentemente en Chantada por Xóvenes Agricultores acadaron este ano unha gran resposta cidadá. Con temas novedosos coma o das xornadas dedicadas ao queixo, estas actividades técnicas e formativas complementaron ás que ano tras ano xa veñen suscitando un crecente interese centrándose na viticultura ou na micoloxía, e que novamente repetiron presenza no ciclo de iniciativas. A promoción e o estudo dos produtos agroalimentarios galegos son obxectivo dunhas xornadas que se desenvolveron co apoio dos Consellos Reguladores.
AGRICULTORES E GANDEIROS PROCURAN ALTERNATIVAS
“Os agricultores e gandeiros queren alternativas para comercializar as súas producións”, salienta Antonio Paz, responsable de Xóvenes Agricultores no Sur de Lugo. Rescatar a economía rural mediante fórmulas anovadoras ou mediante a transformación das producións pode ser unha salida con futuro. Partindo desta premisa, Paz comenta que estas xornadas deron cumprimento a diversos obxectivos, nacendo da finalidade de ofrecer a formación que demanda a xente da comarca, maioritariamente en temas de viticultura e enoloxía. Tratar aspectos que preocupan aos numerosos produtores de uva, como foi nesta ocasión a problemática dos rendementos, para o que se trataron en profundidade os sistemas de poda. En definitiva, trátase de promover os produtos agroalimentarios que xa existen na zona e facer que xurdan novas iniciativas do sector. Os bos relatores e o interese dos temas están detrás do éxito destas actividades, segundo sostén Antonio Paz, que sinala que se viron na obriga de trasladar moitas das actividades previstas no local de XX. AA ao telecentro da vila, pola súa maior capacidade. En total, máis de 700 persoas se inscribiron nas xornadas que se prolongaron dende finais de outubro a principios de novembro, contando cunha media diaria de participantes en torno ás 45 ou 50 persoas.
TENDENCIAS NO RURAL
Antonio Paz, como responsable dunha organización agraria na área sur da provincia de Lugo, detecta que a xente do rural procura actualmente alternativas e quere facer algo no seu medio. Nunha comarca eminementemente agrícola e gandeira ao xeito tradicional, coas problemáticas dos prezos dos produtos debido, entre outras cousas, aos elevados custes de produción, comezan a xurdir novos negocios e tamén se ve un interese por novas áreas como a horticultura e a fruticultura, que xa se abordaron na pasada edición destas xornadas. Por outra banda, hai un tímido regreso de xente das urbes ao campo que quere emprender e se achega en busca de suxerencias, que deben pasar sempre, tal e como indicaron os expertos presentes nas xornadas, polos produtos de calidade vinculados á industria agroalimentaria e dende a profesionalización en sectores puxantes como a viticultura e a horta.
JUÁREZ DESTACA O RECOÑECEMENTO DOS CONSUMIDORES
Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, destacou o valor dos produtos agoralimentarios de calidade e o seu recoñecemento por parte dos consumidores, converténdose na mellor ferramenta que dispón o rural para garantir a súa pervivencia e desenvolvemento económico. Juárez asistiu á clausura das “Xornadas Técnicas e de Promoción de Produtos Agroalimentarios Galegos” en Chantada, xa que o seu departamento colaborou, xunto co Concello, na organización desta actividade. Un dos obxectivos nos que traballa o departamento que dirixe Samuel Juárez, destacaron, é conseguir que os produtos propios dun territorio non cheguen a estar en perigo de desaparición e se consoliden como referentes no mercado, cuestión que se ve reforzada coa celebración deste tipo de xornadas de promoción.
AS DENOMINACIÓNS DE ORIXE E AS I.X.P GALEGAS
Galicia conta con numerosas Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas (I.X.P.), e o abano inclúe desde os máis soados viños ata produtos tan característicos como os grelos ou as patacas. Así, dentro do sector vinícola cabe mencionar o peso esencial das cinco denominacións de orixe e o selo Viños da Terra, así coma outros dos produtos de calidade destacados, como é a carne de vacún amparada baixo o selo de Ternera Gallega e a de porcino Lacón Galego. No tocante ao sector lácteo, en Galicia prodúcese case o 40% do leite de España, localizándose na nosa Comunidade máis da metade do total nacional de explotacións lácteas. A produción de queixos de gran calidade en catro denominacións de orixe protexida, xunto coas indicacións xeográficas protexidas de pementos, ou os Grelos de Galicia, a Pataca de Galicia, a Faba de Lourenzá, e a Agricultura Ecolóxica de Galicia, completan o catálogo de marcas que tratan de fornecer a promoción e consumo deste produtos. Sen esquecer as castañas e o mel, recoñecidos produtos con Indicación Xeográfica Protexida, así como o Pan de Cea e a Tarta de Santiago.