Iniciativas para o fomento do comercio local en Chantada e Ribas de Sil

SAN CLODIO DEFENDE O SEU COMERCIO

‘Merca en San Clodio’ será tan só un dos slogans que os veciños de Ribas do Sil poderán atopar de frente cando pasen pola praza da estación do ferrocarril na nova pantalla de tecnoloxía led instalada recentemente. O obxectivo é deixar clara a importancia que para as pequenas localidades ten o feiro de que os seus propios veciños consuman nelas. Ao non existir unha asociación de comerciantes e empresarios similar a doutros municipios máis grandes, o Concello de Ribas do Sil é o executor de todas as campañas relacionadas coa promoción do comercio local e o beneficiario das liñas de axudas que as administraciós habilitan neste ámbito. Este ano, un investimento de 18.000, dos que o 70% foron aportados pola Dirección Xeral de Comercio, foi destinado á colocación deste moderno panel led, único na provincia.

Un veciño de Ribas do Sil fronte á pantalla instalada nas inmediacións da estación de ferrocarril. Conc. Ribas do Sil

INFORMACIÓN SOBRE OS LOCAIS COMERCIAIS E OS SEUS PRODUTOS OU SERVIZOS

Na pantalla proxectaranse constantemente slogans e informacións destinados a publicitar os comercios e empresas locais, que aportarán a información que consideren convinte para o seu negocio. Ademais, tal e como apunta o tenente de alcalde, “o obxectivo básico é a concienciación da cidadanía”, recordándolles que unha das premisas básicas para salvar a un pobo e a súa economía e demografía é mercar, consumir e facer vida social dentro del. Por outra banda, a pantalla poderá ser utilizada para ofrecer outro tipo de informacións dos comercios particulares, que sempre estarán intercaladas cunha mensaxe xenérica de fomento e motivación en prol do consumo local. SERVIZO DE BALDE CON MOI BOA ACOLLIDA Os anuncios dos negocios locais nesta pantalla led serán completamente de balde para os propietarios que teñen a partir deste momento unha liña aberta co Concello para trasladarlles a mensaxe que queiran transmitir. Polo momento, parece ser que esta orixinal iniciativa está a contar con moi boa acollida entre os comerciantes, segundo sinalaron dende o goberno municipal, “e máis aínda neste momento de crise económica, tan dura para o pequeno comercio”, que debe lograr unha reversión para que uns se beneficien doutros. As características do comercio en San Clodio están intimamente relacionadas coas modestas dimensións e demografía do pequeno municipio, pero non por isto se debería mercar fóra o que xa existe na vila, converténdose nunha práctica moi habitual en todos o pobos e incluso capitalidades de comarca, nas que os cidadáns viaxan a miúdo ás urbes para mercar o que hai dentro do seu municipio.

PEQUENAS ACTUACIÓNS PARA GRANDES FINALIDADES

Aínda que este ano a liña de axudas da Dirección Xeral de Comercio se destinou a unha finalidade directamente promocional e publicitaria, dende o Concello, e suplindo a ausencia dun colectivo que unifica o comercio local, téñense impulsado outras actuacións que buscan a mellora do consumo en San Clodio. Entre estas medidas está a mellora do campo da feira, da imaxe urbana, a colocación de sinalización vertical e horizontal, o equipamento das rúas con mobiliario urbano como foi a substitución de cada un dos bancos ao longo da vila. A meirande parte destas obras contaron cada ano coa axuda da Dirección Xeral de Comercio da Xunta.

Escaparate cos agasallos que se sortean na campaña de Nadal entre os consumidores CCA

O CENTRO COMERCIAL ABERTO DE CHANTADA, MÚLTIPLES FORMAS DE MOVER AO COMERCIO

Achégase a época das compras, e as pequenas vilas do interior apuran as súas campañas de Nadal ao tempo que fan balance do traballo realizado durante o ano en prol do pequeno comercio. As capitalidades comarcais, como entidades comerciais de certa relevancia, contan cun tecido asociativo tamén no ámbito do pequeno comercio. Así, dende a unión, os pequenos negocios impulsan a través das asociacións de comerciantes unha actividade que, como contagotas, consegue un importante efecto sobre a dinamización das vilas. Exemplo disto é a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Chantada, que a través do Centro Comercial Aberto impulsa ano tras ano múltiples iniciativas con diversa acollida.

AS CAMPAÑAS ESTACIONAIS

No mes de febreiro, a excusa de San Valentín fai que cada ano se busque un reclamo comercial co reparto de rifas nos establecementos asociados, e destinadas a premiar o consumo con varios premios, coma viaxes ou vales para mercar na vila. Pero a dinamización comercial adoita vir acompañada da literatura social que contribúe a dinamizar as localidades, e o 14 de febreiro múltiples poemas de amor foron repartidos polas rúas. Coa chegada do mes de marzo, celebrouse por terceiro ano consecutivo unha das actividades chamadas a consolidarse na axenda anual da vila, a Feira de Oportunidades e a Mostra de Produtos da Comarca e Artesanía. Esta iniciativa logrou novamente un importante éxito de participación coincidindo coa Feira do Viño, o que é valorado pola xerencia da Asociación de Empresarios chantadina como unha das mellores actividades impulsadas no ano. Nesas mesmas datas, o CCA tamén implicou aos negocios fomentando a creatividade e a modernización a través dun concurso de escaparates baseados na cultura ribeirá, ao tempo que se convidou aos locais de hostalería a ambientarse coa temática da feira do viño para ofrecer unha imaxe conxunta. Outras das datas máis proclives ao consumo é a celebración do día do pai e da nai, este ano entregáronse cartaces ás tendas. Por outra banda, levouse a cabo a Campaña de Verán do 21 de Xuño ao 27 de Agosto, que consistiu no sorteo de 1.000 euros en vales para gastar nos establecementos asociados.

IMPLICANDO A NOVOS SECTORES, O RECLAMO DA GASTRONOMÍA

Unha das teimas da directiva da asociación nos últimos tempos é a implicación do sector hostaleiro na dinamización da vila. Con isto, do 2 ao 30 de xullo desenvolveuse o terceiro Concurso de Tapas, que rexistrou unha baixada no número de negocios participantes, pero un incremento no volume de negocio durante os días do devandito certame que, desta volta, contou cun xurado profesional e con material promocional como camisolas ou panos, aparte dos orixinais cartaces. Para complementar este certame, o CCA impulsou unha exitosa actividade, o Pequechef, obradoiro de cociña para nenos.

SEMANA FANTÁSTICA

Coma algunha das grandes superficies comerciais, o comercio de Chantada conta tamén coa súa Semana Fantástica, que se puxo en marcha no pasado mes de agosto por terceira vez. Esta iniciativa está enfocada, segundo explica a xerente do CCA, a algo moi similar a unhas segundas rebaixas, unha estratexia que este ano obtivo unha importante repercusión.

FORMACIÓN E ASESORAMENTO CONTINUO

Pero entre os cometidos da asociación non está só o fomento do consumo, senón a procura da profesionalización do comercio, obxectivo para o que é importatísima a formación. Neste plano, o colectivo levou a cabo cursos para o sector hostaleiro, e está a preparar outros coma o de hixiene alimentaria, para o que está aberto o prazo de inscrición, así como para o que se impartirá en marzo enfocado á atención ao cliente e consumidor. Por outra banda, desenvolveuse unha xornada sobre internacionalización de pemes, e outra na que se abordou a nova Lei de Comercio. O asesoramento aos 150 asociados é outra das facetas do colectivo, que entre campaña e campaña realiza unha laboura diaria de axuda aos comerciantes, xestión de subvencións ou información e xestión dunha bolsa de emprego, entre outras tarefas.

CHEGA O NADAL

Xa está en marcha, por outra banda, a Campaña de Nadal na que se van sortear entre os consumidores 15 cestas con produtos da comarca valoradas en 100 euros cada unha, e dous vales de 250 euros para gastar nas tendas que participan na campaña. Tamén se lles dota aos establecementos que participan dun piñeiro con motivos da época. Os agasallos están expostos nun escaparate da rúa Calvo Sotelo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Aposta polo rescate da economía rural cos produtos agroalimentarios

Seguinte Nova

O Museo Xeolóxico de Quiroga abre as súas portas o 2 de novembro como símbolo da riqueza xeolóxica do municipio

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: