Micoloxía e gastronomía, protagonistas da axenda social na Ribeira Sacra e en Sarria

Exemplar de macrolepiota procera ou zarrota común EC

Máis vale tarde ca nunca, e os cogomelos chegaron nos últimos días aos nosos montes nun ano atípico para a micoloxía. Dende moitas das asociacións de amantes dos fungos da comarca, coma o Pingadouro en Sober ou os Lactouros en Monforte, realizáronse as habituais saídas, charlas e degustacións de fungos.

XORNADAS MICOLÓXICAS EN CHANTADA

En Chantada, Xóvenes Agriculotores impulsou, dentro das xornadas técnicas e de promocion dos produtos agroalimentarios, as Xornadas Micolóxicas. Antonio Paz, responsable desta actividade e experto en cogomelos, felicitouse por ter deixado para máis tarde do habitual estas xornadas, xa que as especies que viron a luz chegaron nesta tempada moito máis tarde do habitual. Os cogomelos comezaron a agromar na zona entre a segunda e a terceira semana de novembro, e as altas temperaturas dos últimos días, sen xeadas, están a facer que fructifiquen os fungos. A crecente aficción polos cogomelos fai que as xornadas sexan cada vez máis concorridas, tanto nas partes teóricas coma nas saídas ao campo. Antonio Paz comenta que “afortunadamente tivemos unha boa representación de fungos na nosa saída ao monte, tanto de especies velenosas coma comestibles”. Desa primeira saída os chantadinos destacan o achádego dun boletus de dous quilos, unha destacable cantidade da comunmente coñecida como zarrota, e a non proliferación de níscalos, unha das especies máis valoradas como comestibles.

Para Paz, gran afeccionado ao mundo da micoloxía, a explicación do crecente éxito desta actividade é que se trata dunha “costume que te atrapa pola saída ao campo, algo que é moi relaxante de por sí, pero que ademais, no caso da micoloxía, non deixa de sorprenderte pola cantidade de formas e cores que te atopas nos cogomelos”, apunta. De todas maneiras, a pesar de que se trata dun ano atípico pola escasa fructificación nun primeiro momento, a causa posiblemente da falta de choiva en agosto e setembro, aínda quedan posibilidades mentres non se rexistre unha baixada das temperaturas. E xunto ás formas e cores, non esquezamos os sabores, xa que outro dos segredos do interese pola micoloxía é, sen dúbida, a súa parte gastronómica.

TAPICHEO EN SARRIA E BROLLÓN, E CONCURSO DE CANTOS DE TABERNA

E a gastronomía é a escusa perfecta para a dinamización da hostalería, con outra crecente actividade que se rexistra nos últimos anos en varios concellos da zona, e que son os concuros de tapas. En Sarria, a asociación gastronómica O Porco Cebado e a concellería de Turismo impulsan o Tapicheo 2011. O concurso desenvolverase entre o 5 e o 10 de decembro en todos os establecementos da vila que se inscriban. Cada establecemento exporá un cartel co cal quedará claramente identificado como participante, e contará ademais cunha furna, mapas da ruta do Tapicheo e tarxetas de votación para que os clientes poidan votar ata o día 11 de decembro. O prezo de cada tapa estará entre 0,20 e 2 euros, e as tapas concursarán en dúas modalidades, a ‘tapa tradicional’ e a ‘tapa innovadora’.

O atractivo das tapas dinamizará a hostelería de Sarria e A Pobra de Brollón. Arquivo EC.

Algo moi similar acontecerá na Pobra do Brollón no que será o seu terceiro Concurso de tapas no que competirán establecementos do municipio. Será entre o 3 e o 11 de decembro, e neste caso cada establecemento concursará cunha soa tapa que custará 0,60 euros. En Brollón, valorarase ademáis a promoción dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Asimesmo, este evento gastronómico coincidirá o 8 de decembro co primeiro Concurso de Cantos de Taberna. Na edición do seu estreno participarán como máximo dez grupos, que farán un percorrido polos bares participantes no concurso de tapas.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Un futuro para os usuarios do Infanta Elena

Seguinte Nova

LugoPatrimonio impulsa unha xornada de cultura e gastronomía en Castillón

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: